26/02/2017

REGATA DE INVERNO - 1ª PROVA

A ria botava em falta dornas... e agasalhou-nos coa tarde mais jeitosa para encetar a tempada.

Dominou a brisa frouxa do Oeste (10 nós) e mar ligeiramente rizado e sem carneiros. A temperatura agradável, os céus potentes entre nuvens chumbas e claros azuis com espetaculares raiolas que alumiavam as velas içadas e os paus em candela.



Dá-se a primeira saída do ano na praia das Carolinas (ou o pouco que fica dela), e de empopada até deixar a ilha dos Ratos por estribor. Passam de primeiras a Xaimiña e a Áncora, seguida da Moura que é adiantada pola Volandeira que avança já de terceira polo Falante de Rua.

Houvo quem se atreveu a virar Rua pola Caravelinha ganhando posições, mas o importante da regata ainda vinha agora co rumo posto no Lajareu, e a bolinar!

A Cachi, entre outras, continuarom o bordo polo canal da ria cara Sálvora com bom vento e algo de mar em contra. E abofé que atinarom polo que se viu ao final! A Áncora e outro grupo procurarom bordos diversos na abra de Ribeira: o vento da costa e menos mar...

Ao final, com poucos minutos de diferença, fomos chegando ao sinal cadaquem desde o seu rumo. Na boca do porto, coa queda do sol, o vento cai indeciso complicando a linha de meta no Náutico.



De primeira entra a Cachi (Parabéns a Juan e Susa!), adiantando por sotavento (si, por sotavento!) a Áncora que passa a ser segunda. De terceira a Moura, adiantando in-extremis e também por sotavento a Vikinga que termina no quarto posto, seguida da Xarda... e em ringleira toda a flotilha:

Classificação:
  1. CACHI
  2. ÁNCORA
  3. MOURA
  4. VIKINGA
  5. XARDA 
  6. XAIMIÑA
  7. PRAIA DAS CAROLINAS
  8. VOLANDEIRA
  9. SANDRA

Album de fotos da 1ª regata de inverno 2017


E para rematar esta singradura da que desfrutou todo mundo, vai um vídeo resumo, e até dentro de duas semanas:






19/02/2017

REGATA DE INVERNO 2017 DE DORNAS A VELA


INICIO DA TEMPORADA DE REGATAS EN RIBEIRA


Na última fin de semana de xaneiro o Lajareu celebrou a asemblea xeral ordinaria anual e programamos as actividades para este ano.
Empezamos como é habitual coa Regata de Inverno con catro probas durante os meses de febreiro, marzo e abril, concretamente as datas son o 25 de febreiro, 11 e 25 de marzo e o 8 de abril. 
Logo da Semana Santa faremos a Regata de Primavera os días 29 de abril, 13 e 27 de maio e o 10 de xuño. Nese mesmo mes xa teremos outras regatas na ría e tamén o Encontro. 
O 22 de xullo, nas festas de Ribeira, a Regata do Carme e a primeira fin de semana de setembro, o día 2 unha travesía e xuntanza similar a que fixemos este ano.

Aquí vos deixo o Anuncio de regata que facemos habitualmente. Un saúdo e bo vento.