18 de feb. de 2013

OS CORREDORES E O PAO!!


Alá vou: 
Pois sí, Domingos xa lle puso os corredores á nosa Insuabela, e xa está na sua horta un fermoso piñeiro, longo esbelto, forte e lixeiro, cos nós armoniosamente repartidos polo seu fuste delimitando segmentos similares non moi grandes, o que indica un crecemento uniforme e non moi rápido. 
Como vos dicía xa están no seu sitio os corredores: os de popa: como sempre, 

e os de proa: porque ainda que a dorna, como tal xeiteira, levará tilla corrida (coberta continua dende a tilla ate a proa) os corredores, elementos estructuráis como case todo na dorna, póñense no seu sitio como nas dornas "normais" de proa aberta, e despóis bótase a "cuberta", consistente en prolongar as táboas que cobrirían a tilla (dormitorio) ate a proa (con excepción do tambuche que da acceso ao panel de proa, lóxicamente).

Ahí podedes ver os baos e a estructura ou bastidor da "coberta" a proa definindo a apertura de acceso.


Esta é unha dorna grande e non a podemos andar a subir e baixar como as nosas  dorniñas de regata de 9 cuartas. Ten que estar fondeada ou amarrada no mar, sufrindo as inclemencias do tempo.


 E de ahí outra das suas peculiaridades, habitual nas dornas xeiteiras: os corredores non morren a tope na táboa de cubrir un centímetro ou dous abáixo da regala, como nas dornas pequenas; porque a auga de chuvia tende a meterse nesta xunta e, co tempo, apodrecela. Esta dorna, aquí, vai feita como un barco, cos corredores pousados sobre a táboa de cubrir, sobresaindo un par de centímetros da regala;  e a cinta ou sobreregala, separada do corredor e cravada as cavernas para que a auga de choiva escorra limpamente e non se meta a facer mal en ningún sitio, que os barcos o que queren e auga de mar.



Facelo así non é pouco traballo para o carpinteiro, que ten que furar no corredor unha enfogonadura feite a medida,como un traxe, para cada caverna e cada remadoira, como se pode ver nestas fotos.


 


Tamén a a popa foi collendo xeito: xa están cortadas as táboas de cubrir por donde lles corresponde, seguindo a caida da estampa, e máis se pode apreciar como sobresaen ainda as regalas que as tapan e reforzan na sua parte alta, como dixen antes, os corredores cubrindo o conxunto



Velahí a estampa:




O pao, o mastro da dorna, velahí o tedes, cortado no devalar da lua do solsticio de inverno. Agora hai que lle quitar a casca a golpes de martelo, e darlle duro para dentro aos muñóns das poliñas dos nós, que é o que lle confire a dureza e impide que abra... Un pauiño bo, forte e liviano, coa flexibilidade xusta para esta dorna especial..



O sábado regata: comeza o trofeo de inverno de Lajareu. Quén poidera!....

Ningún comentario:

Publicar un comentario