22/02/2013

CAVERNAS E REMADOIRAS



Outra vez o noso compañeiro Carlos Ruano pasou pola carpinteiría de Domingos, e outra vez nos envía unhas magníficas fotos da Insuabela "de corpo enteiro" e máis do pao, que xa está a medio descascar a golpe de martelo.

Só pasaron catro días desde as fotos da anterior entrada e xa están no seu sitio todas as cavernas, incluidas as das remadoiras. Vese ben bonita así, cos corredoriños limpos ata fora da regala e as remadoiras todas aliñadas.

Nen a Insuabela ten tan pouco puntal como semella nen Domingos é tan alto. Está subido nun tallo para traballar.

18/02/2013

OS CORREDORES E O PAO!!


Alá vou: 
Pois sí, Domingos xa lle puso os corredores á nosa Insuabela, e xa está na sua horta un fermoso piñeiro, longo esbelto, forte e lixeiro, cos nós armoniosamente repartidos polo seu fuste delimitando segmentos similares non moi grandes, o que indica un crecemento uniforme e non moi rápido. 
Como vos dicía xa están no seu sitio os corredores: os de popa: como sempre, 

e os de proa: porque ainda que a dorna, como tal xeiteira, levará tilla corrida (coberta continua dende a tilla ate a proa) os corredores, elementos estructuráis como case todo na dorna, póñense no seu sitio como nas dornas "normais" de proa aberta, e despóis bótase a "cuberta", consistente en prolongar as táboas que cobrirían a tilla (dormitorio) ate a proa (con excepción do tambuche que da acceso ao panel de proa, lóxicamente).

Ahí podedes ver os baos e a estructura ou bastidor da "coberta" a proa definindo a apertura de acceso.


Esta é unha dorna grande e non a podemos andar a subir e baixar como as nosas  dorniñas de regata de 9 cuartas. Ten que estar fondeada ou amarrada no mar, sufrindo as inclemencias do tempo.


 E de ahí outra das suas peculiaridades, habitual nas dornas xeiteiras: os corredores non morren a tope na táboa de cubrir un centímetro ou dous abáixo da regala, como nas dornas pequenas; porque a auga de chuvia tende a meterse nesta xunta e, co tempo, apodrecela. Esta dorna, aquí, vai feita como un barco, cos corredores pousados sobre a táboa de cubrir, sobresaindo un par de centímetros da regala;  e a cinta ou sobreregala, separada do corredor e cravada as cavernas para que a auga de choiva escorra limpamente e non se meta a facer mal en ningún sitio, que os barcos o que queren e auga de mar.



Facelo así non é pouco traballo para o carpinteiro, que ten que furar no corredor unha enfogonadura feite a medida,como un traxe, para cada caverna e cada remadoira, como se pode ver nestas fotos.


 


Tamén a a popa foi collendo xeito: xa están cortadas as táboas de cubrir por donde lles corresponde, seguindo a caida da estampa, e máis se pode apreciar como sobresaen ainda as regalas que as tapan e reforzan na sua parte alta, como dixen antes, os corredores cubrindo o conxunto



Velahí a estampa:




O pao, o mastro da dorna, velahí o tedes, cortado no devalar da lua do solsticio de inverno. Agora hai que lle quitar a casca a golpes de martelo, e darlle duro para dentro aos muñóns das poliñas dos nós, que é o que lle confire a dureza e impide que abra... Un pauiño bo, forte e liviano, coa flexibilidade xusta para esta dorna especial..



O sábado regata: comeza o trofeo de inverno de Lajareu. Quén poidera!....

07/02/2013

MAMPAROS E BAOS.AS FOTOS DE CARLOS

Sí señores: por fin unhas fotos de calidade por cortesía do compañeiro Carlos Ruano: Aquí sí que se aprecian as calidades e texturas da madeira, e os encuadres son correctos. A comparación resulta un tanto ofensiva coas que facía eu, pero é para ben:

Son fotos do pasado 1 de febreiro e nelas xa se pode ver a totalidade dos mamparaos xa instalados: o do cufiño, os dous da cadeira e os dous da tilla, así como os baos característicos da tilla corrida 

 Igual algún se preguntou porqué son tan promimentes por popa as taboas de cubrir por popa, porqué o carpinteiro non as corta á sua medida, porqué están unidas ao seu término, á altura da cinta por esa peciña de madeira; e porqué tanto a peciña de madeira como o canto superior da estampa teñen unha puntiña clavada no mesmiño centro.

Eu tamén mo preguntei e penso que a cousa ten moito que ver coa obtención da perfecta simetría entre os dous costados da embarcación. Pensade que as táboas de cubrir, as metades de popa, se cravan ás de proa e á estampa antes de colocar os paus (prolongación das cadernas). Esta tabliña coa sua punta-punto de mira no centro ten toa a traza dun mecanismo de aliñación e estabilidade da estructura.

Coma xa saberedes case todos, e se non dígovolo eu, as táboas do casco da dorna non son o recubrimento dunha estructura: son estructuráis elas mesmas. colócanse antes que os paus e son conformadoras da forma propia da dorna. E a peciña esa que une as de cubrir, prolongadas na popa, ten moito que ver, ou da toda a pinta, en que a dorna salga ben.

 Como vedes o 1 de febreiro xa estaba feito e colocado o empanetado da tilla. Qué esbeltos e elegantes se ven os baos coa su leve curvatura! A entrada da tilla, se vos fixades, é máis ancha do habitual: en primeiro lugar para facilitar o acceso da man aos recovecos dunha tilla grande; pero tamén para permitir o acceso cómodo dos mariñeiros ao seu interior. Esta tilla é tamén un dormitorio, de 1,90 m de manga. 
Con todos  vostedes (tatatachán...!) o empanetado do panel de couse!! Ahí axustadiño no seu sitio. E ben acompañado do mamparo do cufiño e o banco da escota co seu pé d'amigo. Na banda de babor esa caverna promintente será a  remadoira de couse . Para os que non coñezan ben unha dorna: En popa só hai remadoira pola banda de couse (babor) para bogar (e gobernar) o patrón cando reman dous. No panel de meo, evidentemente,e hay remadoiras por babor e estribor, para bogar un só, cos remos cruzados, ou para utilizar só a de estribor cando rema   tamén o patrón a popa.


Dorniña bonita! Ahí está a proa cos seus baos: os dous de máis a popa dexan sitio no medio deles para a enfogonadura do pau e fana forte. A continuación: o panel de proa da tilla.
A cadeira xa está rematada tamén: só lle faltan as súas tapas, que constituen a "aparella" (no sei se por ser duas).

 Bonito detalle da continuidade entre cadernas e paus. A parte dos paus que sobresae da coberta e os corredores recibe o nome de "caverna" (obvio para os que andamos nesto)

Ahí tedes o cufiño, na popa, e nel unha prensa, un calibre, un compás de carpinteiro, unha caixiñiña vermella de lata (?) e os lentes de Domingos
E con este detalle da proa despídome ate sábado, que podedes aproveitar para facerlle unha visita á nosa Insuabela e ao seu xenial constructor!
Unha aperta!

01/02/2013

DOUARNENEZ!!!!

O dito compañeiros: o blogue de Lajareu botando fume! E neste caso para vos recomendar (unha vez máis) unha visita ao magnífico blogue El mar es el camí , que ven de se reactivar despois duns meses de descanso, e no que poderedes gozar, non de unha, senón de dúas marabillosas entradas sobre o Encontro de Douarnenez. Certo que está en catalán, pero cun pouco de boa disposición, enténdese sen problema; e senón, hai tradutores.
Concretamente na máis recente das duas entradas hai unha montaxe de fotografías con música para se reproducir como video, mesmo en alta definición, onde poderedes admirar o fermosa que é a vila de Douarnenz, co seu museo naval a frote, o seu pantalán para veleiros clásicos, o seu porto antigo, as suas recoletas ruas interiores e finalmente a marabilla de barcos que alí foron para o Encontro. Hai unhas fotos alucinantes, moitas delas quitadas dende a nosa Moura. No volo perdades. Velaí a montaxe en Youtube:



Tamén estivo alí a "RECOUBRANCE", réplica dunha goleta de correo da mariña napoleónica armada polo concello de Brest.