24/05/2011

XIV CAMPEONATO- PRIMAVERA DE DORNAS A VELA 3ª MANGA

    VICTORIA DA” LUSIÑA “ .  A “VOLANDEIRA “ LIDER PROVISORIO    
    COA ÁNCORA A  UN SÓ PUNTO DE DIFERENCIA
 Ó pasado sábado  21 de Maio celebrouse  a 3ª regata deste xa tradicional campeonato de Dornas a vela.
   Baixo unhas condicións envidiaveis, xa que coa tarde despexada e un vento que soplaría de compoñente Noroeste  con forza  de entre 12 e 16 nós  durante toda a xornada, faría  o día perfecto para este tipo  de navegación.  Iso sí, todas as dornas houberon de coser un rizo á vela por imperativo da organización, por mor dos fortes refachos que no comezo e no nos últimos bordos da regata fixeron sofrir a máis de unha embarcación.

 A saida coma de costume sería ás 16,30 horas nas inmediacións  da bahía de Coroso, un pouquiño separada da praia, onde estaba situada a boia de desmarque. De ahí deberían rebasar a Illa Dos Ratos por estribor , e a continuación bordear, tamén por estribor, a Illa de Rúa,  para ter que voltar   cara a praia , onde estaba situada a chegada.
No momento da saida para rebasar a boia de desmarque,  todas as embarcacións decidirían  sair  cara o Norte, non sendo a “Vikinga” e a “Moura” que no último intre  decidirom sair no bordo contrario , e todas chegarían bastante xuntas , destacando a “Áncora”,  que pasaría no primeiro lugar , e a “Lusiña”  que pasaría no segundo, ainda que as duas embarcacións deberían voltar  a sobrepasar a boia debido a que no caso da Áncora errou no sentido de paso, e no caso da Lusiña tocou a boia no último intre.  Isto benefició a Vikinga que sería a primeira en sair deste paso, seguida moi perto pola Volandeira, a Moura e a Rabuda II.
De aquí e ata Os Ratos non mudarían as cousas ,  facendo as dornas unha  fermosísima travesia paralela á praia.  Xa saindo proa a Illa de Rúa, a  Volandeira colocaríase na primeira posición seguida da Vikinga, Rabuda II, e a Moura.
 A Volandeira comezaba a  distanciarse do resto da flota, unicamente a Vikinga e a Lusiña  seguiríanlle a estela  no mesmo bordo proa a Palmeira , xa que o resto das embarcacións decidiran tirar proa ao Touro.
Xa moi perto da chegada,  a Volandeira,  destacada na primeira posición, tocou co timón nunha pedra e rompeu tamén a  nós do Pau, ó  que lle provocou unha importante pérda de tempo. Isto beneficiou a Lusiña que entraría de primeira, logo dunha importante remontada no último treito da proba que desbancou a Vikinga, ata ese intree en 2ª posición .  A clasificación final quedou así:

1-Lusiña                                                                
2-Vikinga
3-Áncora
4-Volandeira
5-Moura
6-Sandra
7-Xaimiña
8-Cachi
9-Rabuda II
10- Tixosa

e a clasifica provisoria do campeonato, levando em conta que hai alguns empates, seria

1 VOLANDEIRA
2 ÁNCORA
3 LUSIÑA
4 VIKINGA
5 SANDRA
6 ARDENTÍA
7 MOURA
8 RABUDA II
9 XAIMIÑA
10 CACHI
11 TIXOSA
12 A FIUZA

A seguinte cita  darase o próximo sábado  28 de Maio  as 16,30 horas,  sendo ésta a última e  definitiva  proba de esta edición,  na que se fará a entrega de trofeos.

19/05/2011

X Encontro de Embarcacións Tradicionáis de Galicia.








Ola a todos. Como xa sabedes moitos, e para os que non o saibades, este ano toca Encontro de Embarcacións Tradicionáis http://www.carril2011.es/X-Encontro-de-Embarcacions-Tradicionais-de-Galicia/gal/

A festa por excelencia da Cultura Mariñeira, onde nos reunimos todos os que andamos (ou navegamos) nisto en Galicia e parte do extranxeiro, para celebrar a nosa afición, disfrutar xuntos dela, dar a coñecer ao público en xeral a inmensa riqueza cultural e patrimonial que conservamos recuperamos, e promover o interese e coñecemento das embarcacións tradicionáis na sociedade.

Este ano o Encontro celébrase en Carril, ainda que hai actos previstos en Vilaxoán para extender a festa tamén a este porto.

O pasado sábado houbo unha reunión informativa en Cambados onde os representantes da asociación convocante Rompetimóns (Carlos e Petín), e Víctor de Bouzas, presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, informaron a representantes das asociacións das diversas cuestións de interese. Alí acudiu noso José, da Rabuda, que tomou boa nota do que se dixo; información que completamos co publicado noutros blogues:

ACTIVIDADES:

O Encontro comezará o fin de semana anterior á cita principal, con dúas xornadas previas, os dias 25 e 26 de xuño, en Vilaxoán, para que os que queiramos achegarnos teñamos festa e actividades, e os que queiramos levar as dornas esa fin de semana teñamos onde amarralas.

Os amarres das xornadas previas están previstos na zona dos bateeiros do porto de Vilaxoán, e poderán quedar alí, en principio ata o xoves día 30, data prevista para a travesía a Carril; ainda que tamén poderán deixarse ata o venres ou o sábado coordinándose cos membros da organización.

O sábado 25 de xuño en Vilaxoán poderá visitarse a exposición fotográfica "Memoria do mar", e unha exposciión de maquetas das primeiras bateas; haberá unha mostra de “encascado” de velas e redes, e se proxectarán os documentais "Memorias do salazón" e "Bueu, unha bota de altura". O conxunto musical Combo Mariñeiro amenizará a cita.

O luns 27, xa desde Carril comezan as visitas guiadas á Illa de Cortegada, que se prolongarán durante todo o Encontro

O xoves 30 de xuño está prevista a saida das embarcación desde Vilaxoán contando chegar á rada de Carril sobre as 15:00 horas.

Esa mesma tarde ás 19:00 horas inauguraráse o Encontro co xa tradicional izado de velas ao son das buguinas e campás.

É MOI IMPORTANTE que inscribades canto antes dornas e tripulacións para facilita-la organización dos amarres e a mellor ubicacións das embarcacións.

Sendo o Encontro na Ría de Arousa contamos con que haia dornas “como area” (“a punta pala”, para os de terra); así que está previsto que, alomenos as da Cultural Dorna (Ill de Arousa), queden varadas na praia de Carril, constituindo xa de por sí un espectáculo admirable.

O venres 1 de xullo (en Carril) terá lugar unha das actividades máis importantes: a Xornada Técnica sobre recoñecemento das embarcacións tradicionais como barcos senlleiros e reivindicación dunha lexislación propia. Además do seu interese intrínseco para todos nos, a xornada contará coa presencia de representantes da Xunta e a Mariña civil, e polo tanto debemos contribuir, coa nosa presencia masiva, a demostrarlles o moitos que somos e a importancia do que representamos, especialmente nestes tempos de crises e retalladas do gasto público que xa estamos padecendo.

Igualmente está prevista para ese dia a proxección do video "Galeóns na Arousa" e un concerto de música xoven (coma nos).

O sábado 2 de Xullo (en Carril) poderá verse la película "20 anos recuperando o patrimonio", que recolle a recuperación da lancha xeiteira Marina e a construcción da sua réplica, Nova Mariña.

Tamén haberá danzas, regatas e, á noitiña, concertos musicais.

O domingo 3 de Xullo (en Carril) haberá visitas guiadas do público ás embarcacións amarradas, actuacións e animación para os máis pequenos.

Durante os Encontros as ruas de Carril terán ambientación mariñeira, escenificacións, mostras de oficios tradicionais, e venda de libros.

NAVEGACIÓN:
O campo de regata e zona de navegación libre estará delimitado por boias.

E da máxima importancia respectar esta delimitación para non prexudicar o marisqueo da ameixa, principal fonte económica da vila.

Os horarios das regatas e actividades de navegación veñen condicionados polas mareas.


LOXÍSTICA:

Haberá aloxamento para as tripulacións en colchonetas no pavillón de Carril.

Aparcadoiro de remolques (no patio do colexio público).

As comidas serán, como ven sendo habitual, nunha carpa instalada no entorno do porto, e, como en anos anteriores, distribuiránse mediante bonos cun prezo total de 25 € para tódolos xantares e ceas, ainda que tamén se poderán adquirir bonos para un xantar ou cea concretos ao prezo de 5 euros.

É nada máis me queda que animarvos a todos a participar no Encontro, con dorna ou sen ela, por mar o por terra, os dias que cada un poida. E tratar de colabourar coa organización o máis posible. Este é un ano de grandes retalladas tamén nos oramentos do Encontro. As administracións tardaron moito en concretar e a organización, consecuentemente, moito en programar e organizar, así que correspóndenos a nos poñer todo o que podamos da nosa parte para que o Encontro volva ser un éxito e demostre á sociedade a importancia de apoiar as embarcacións tradicionais e a cultura mariñeira.

E para colabourar, o primeiro e inscribirse canto antes, neste vínculo: http://www.carril2011.es/X-Encontro-de-Embarcacions-Tradicionais-de-Galicia/gal/inscripcion.php

15/05/2011

Suspendida a 3ª proba da Regata de primavera 2011

A terceira proba da Regata de primavera 2011 estaba prevista para o sábado 14 de maio pero por mor do vento que soplou o sábado, con velocidades de 35 nós e rachas superioras a 40 o Comité de Regata acordou suspendela e trasladala para o sábado 21 de maio ás 16:30. Así que alí vos esperamos.
De todos os xeitos algúns membros do Lajareu tiñamos ganas de velear e o patrón da Vikinga, Fernando, o seu compañeiro de regatas, José, que viña dende Madrid para navegar, e mais eu, animamos a sair a facer uns bordos.
Intentamos sair co pau tumbado de todo e cun rizo pero sufriamos para manter a dorna así que achegamos á praia de Coroso e cosimos outro. Así iamos perfectos, bolinamos amurados a babor e de súpeto unha familia de arroaces estaba ao noso carón e nos acompañaron ata o Camouco, entre a tensión de levar ben a dorna e a ilusión de ver aos arroaces púxosenos aos tres un sorriso de orella a orella.
Dali seguimos o mesmo rumbo e chegamos ao abrigo de Rúa, como embarcamos moita auga e mollamos un pouco, aproveitamos para rematar de achicar, descansar e secarnos un pouco.
A volta foi mais sinxela aínda que o vento estaba mais forte, templamos ben a vela cos dous rizos, a vara de portar e o estrinque, deste xeito chegamos a un largo a Ribeira en 25 minutos.
Foi unha tarde de navegación intensa pero os tres ficamos encantados. Merece a pena unha saída na que aprendes a navegar con vento duro, con Fernando como patrón todo semella sinxelo pero o segredo era que todo ía no seu sitio e comprobamos que a dorna navega moi ben se vai ben aparellada.
Ata o sábado.
Un saúdo
Marcos

06/05/2011

XIV CAMPEONATO DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA-RIBEIRA “VOLANDEIRA” LIDER PROVISIONAL DA 2ª REGATA




O pasado sábado día 30 de Abril celebrouse  a segunda das catro rondas de que consta este novo campeonato.
 A tarde prometía , xa que o vento ainda que frouxo de entre 8 e 10 nós de compoñente noroeste,  estivo presente durante todo o percorrido, con un ceo algo anubrado e unha temperatura máis que agradable .

 A saida daríase, coma de costume, ás 16,30 horas perto da “Illa dos Ratos” e cara a praia de Coroso, onde estaba situada a boia de desmarque. Neste treito,  con un vento xusto de proa, case todas as embarcacións decidiríanse por ir cara fora , amurados a estribor, non sedo un tres dornas que sairían cara a praia. Serían duas destas últimas as primeiras en alcanzar ésta boia: a Áncora e a Volandeira. Ata o segundo paso obrigado, o  Farol  Lajareu,  o vento daría ás embarcación de aleta e neste tramo non habería nengúnha mudanza na orde de pasada.  Do Lajareu e ata a Illa de Rúa, que sería este o seguinte paso,  sería a Sandra  a que se situaría na 1ª posición pasando a continuación a Áncora , Volandeira e Ardentía, e un pouco máis retrasado o resto da flota.

   Deste último paso e ata a meta,  as embarcacións veríanse obrigadas a facer bordos debido a que o vento  sopraba  xusto de proa, facendo que o campo de regata  se abrise tanto, que algunhas dornas chegarían perto de Palmeira e outras  acabarían perto das Airoas. Ao final todos aqueles que decidiran ir cara Palmeira serían os primeiros en chegar á meta, sendo mais umha vez a Volandeira  a primeira en rebasar esta despois de  facer una regata perfecta e sen erros.  A clasificación final ficaría na seguinte orde:

1-     Volandeira
2-     Áncora
3-     Sandra
4-     Ardentía
5-     Lusiña
6-     Rabuda II
7-     Moura
8-     Vikinga
9-     Xaimiña
10- Cachi
11- A Fiuza

A próxima cita será: Sábado 14 de Maio ás 16.30 horas