12/12/2011

Encontro de Carril


E despois de recordar o bonito do encontro, aquí tedes o feo:

Este é o escrito de resposta da FGCMF ó que lle enviou o goberno municipal do concello de Vilagarcía no que se nega a pagar a parte que lle corresponde como integrante do comité organizador dos X Encontros de Embarcacións Tradicionais Carril-2011

O escrito enviado polo concello tédelo eiquí



SR. ALCALDE E MEMBROS DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL DO CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Recibimos comunicación do acordo da Xunta de Goberno Local realizada o 21 de novembro de 2011 denegando a solicitude desta federación para que o Concello de Vilagarcía de Arousa como parte do Comité organizador, asuma o aboamento de 20.973,66€ correspondente ao deficít do X Encontro de Embarcacións Tradicionais celebrados en Carril.
E comunicando tamén “a imposibilidade de incluír a devandita contía no orzamento de 2012, tendo en conta a considerable aportación municipal realizada con motivo do citado evento, tal e como se reflicte na relación de gastos asumidos polo Concello e que se enumeran”
Analizado ese escrito na asemblea da FGCMF celebrada o 26 de novembro de 2011, queremos indicarlles que na enumeración que fan dos gastos asumidos polo Concello de Vilagarcía de Arousa co gallo do X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (en adiante X Encontro) e que vostedes califican de “considerable aportación municipal” detectamos importantes erros na información que manexan e que pode inducir a conclusións totalmente erradas.
Dentro da achega municipal ao X Encontro vostedes contemplan os seguintes apartados:
- “Convenio coa Asociación Rompetimóns de Carril para a construcción da réplica do galeón Cortegada por importe de 20.000 € (Xunta de Goberno Local de data 20/10/2009).”
• O “CONVENIO POR CONCESIÓN DUNHA SUBVENCIÓN DIRECTA A FAVOR DA ASOCIACIÓN ROMPETIMÓNS” ten por obxecto a construción da réplica do galeón Cortegada. En ningunha liña do convenio se fai referencia ao X Encontro.
• A Xunta de Goberno Local que aproba este convenio realizouse o 20/10/2009, sete meses antes da adxudicación a Carril do X Encontro o 4 de xuño de 2010 e por tanto non pode haber relación ningunha.
- “Convenio de colaboración coa Asociación Rompetimóns por importe de 70.000 € para reparacións do barco “Illa de Cortegada” (Xunta de Goberno [Local] 28/12/2010)”
• Novamente trátase dun “CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE EL CONCELLO DE VILAGARCÍA Y LA ASOCIACIÓN ROMPETIMÓNS PARA LA PUESTA EN MARCHA DE VISITAS A LA ISLA DE CORTEGADA ENMARCADO DENTRO DEL PROYECTO AROUSA XXI COFINANCIADO POR FEDER” entre a Asociación
Rompetimóns e o Concello de Vilagarcía de Arousa para a adecuación do barco “Illa de Cortegada” propiedade da Asociación Rompetimóns, para o transporte de pasaxeiros de cara a posta en marcha de visitas á Illa de Cortegada, xiras marítimas no seu entorno e creación dunha escola de vela tradicional, utilizando a citada embarcación.
• En ningunha liña do texto do convenio se menciona o X Encontro.
- “Adxudicación á Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial do servizo de difusión do Encontro de Embarcacións Tradicionais Carril 2011, na Feira náutica de Barcelona por importe de 3.000 € (Xunta de Goberno Local de data 26/10/2010”
Podemos entender que este gasto se vencelle ao X Encontro, aínda que non foi dedicado á execución do mesmo. Trátase dunha compensación económica á FGCMF polos gastos que tivo no mes de novembro de 2010 como consecuencia da promoción de Vilagarcía, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e do X Encontro no Salón Náutico de Barcelona: xestións para conseguir a un prezo simbólico o espazo do stand; pagamento dos custos do seguro e gastos administrativos do stand; desprazamento, aloxamento e manutención de catro persoas da FGCMF para a atención durante 10 días o stand en horario de 10 da mañá a 9 da noite, etc.
- “Contratación de varios grupos de gaitas e rondalla para a celebración do X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, por importe de 1.173,00 € (Xunta de Goberno Local de data 31/05/2011)”
Estes grupos de Vilagarcía de Arousa actuaron no X Encontro e a través do convenio que o Concello ten con eles aboóuselles o citado importe de 1.173,00€, polo que este gasto si está vencellado ao X Encontro.
- “Fra N-11024, de Noente Paradise, S.L. por importe de 6.678,80€ correspondente a 800 unidades do CD audio “Porto de Vilaxoán” da Atlántica Vapora Orquesta.”
A Edición desta obra non foi tratada nin acordada no Comité Organizador do X Encontro, polo que non se pode imputar economicamente ao mesmo. En ningún momento os representantes do Concello no Comité Organizador mencionaron a existencia dese CD, nin que fose a cargo do X Encontro.
Tivemos coñecemento dese CD no momento en que foi distribuido gratuitamente na actuación da Atlántica Vapora Orquestra en Vilaxoán.
A FGCMF considera importantísimo o labor desenvolvido pola Atlántica Vapora Orquesta no eido da recuperación dunha parte do patrimonio marítimo de Vilagarcía, como é o relacionado co cancioneiro popular mariñeiro, á vez que considera lóxico sumar as sinerxias que xera o X Encontro coas de outros acontecementos como poden ser a Semana Náutica de Vilaxoán, a presentación do CD audio, xornadas técnicas do proxecto europeo NEA2,… para acadar unha maior repercusión, pero a xestión económica de cada acontecemento é independente.
- “Fra. nº 013/11, de Carlos Galbán Zaragoza, por importe de 738,17 €, pola instalación de equipo de son con motivo da actuación da Atlántica Vapora Orquesta Vilaxoán, dentro da Semana Náutica de Vilaxoán.”
A FGCMF considera que non ten sentido cargar economicamente esta factura ao X Encontro cando xa no seu propio enunciado se indica que se realizou dentro da Semana Naútica de Vilaxoán, que ten o seu propio convenio co Concello de Vilagarcía e a súa propia xestión económica.
No CERTIFICADO que se nos remite da Xunta de Goberno Local indícase que “o Concello colaborou no desenvolvemento do X Encontro poñendo ao seu dispor un operativo de limpeza, montaxe e desmontaxe de escenario, instalacións do Colexio de Educación Primaria, etc.”
É certo que a montaxe e desmontaxe do escenario o realizaron operarios do Concello, como tamén é certo que o Concello participou coa FGCMF nas xestións para a cesión do uso das cociñas do colexio de Educación Primaria e que o Concello cedeu o pavillón de deportes para a o aseo e pernocta das tripulacións que o desexaran.
Porén, na única reunión que mantivo o Comité Organizador do X Encontro con representantes da nova Corporación Municipal, o 22 de xuño de 2011, dende o Comité organizador insistiuse na necesidade de que o Concello nomease con urxencia o seu novo representante nese Comité. O Concello non nomeou ese representante e os problemas que xurdiron tiveron que solventálos o resto dos organizadores, xa que foi imposible contactar con ningunha persoa con responsabilidades no Concello:
• O lixo enchía os contedores da carpa comedor sen que estiveran baldeiros para a seguinte comida, polo que os voluntarios tiveron que andar por Carril adiante procurando contedores baldeiros e repartindo os que xa estaban cheos
• A habilitación do pavillón de deportes co traslado, montaxe e desmontaxe das liteiras cedidas pola BRILAT de Figueirido, ante a falla de colaboración municipal, fixérona as tripulacións galegas e non galegas que participaron no Encontro. Tampouco estaba previsto polo Concello a limpeza dos aseos do pavillón de deportes durante a realización do X Encontro, problema que solucionou a FGCMF.
• O conserxe do Colexio de Educación Primaria onde se cociñaban as comidas para as tripulacións non recibira instrucións para que puideran acceder os cociñeiros do X Encontro. Cando se presentou un problema no cadro eléctrico das cociñas do colexio, non había quen o abrira para poñer en marcha o diferencial, o que obrigou a que as tripulacións tiveran que comer dúas horas máis tarde do previsto e a tirar a metade da comida consistente en fabas con ameixas de Carril por non poder ser cociñada, etc. etc. etc.
Á vista da análise da relacións de gastos que a Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía do día 21 de novembro de 2011 considerou como achega económica ao X Encontro, vemos que unicamente está xustificado considerar vinculado ao X Encontro :
* A Compensación a FGCMF polo Salón Náutico de Barcelona por 3.000€.
* Contratación de varios grupos de gaitas e rondalla por 1.173,00€
A representación do Concello de Vilagarcía no Comité Organizador manifestou en diferentes ocasións que o Concello, como membro organizador do X Encontro, aportaría unha cantidade entorno aos 40.000 € para o evento, en tanto que, como se acaba de sinalar, só podemos contabilizar 4.173€ aportados polo Concello.
Queremos suliñar que si o Concello cumprira coa súa achega comprometida de 40.000€, neste intre o X Encontro tería pechada a súa xestión económica con saldo positivo. Ese saldo positivo é o beneficio que en todos os encontros aportase á FGCMF como compensación pola xestión de máis de un ano dedicada ao Encontro. Con ese beneficio a FGCMF é como finanza as súas actividades durante dous anos, entre Encontro e Encontro.
Que o X Encontro chegara a bo porto foi posible en boa medida porque as tripulacións participantes pagaron do seu peto os gastos do seu desprazamento e o das embarcacións, pagaron as súas comidas e centos de voluntarios e voluntarias, maiormente de Vilagarcía, colaboraron para atendelos preparando o Encontro durante meses. Os 20.973€ que debe o Comité Organizador non son para pagar ao voluntariado nin as tripulacións, son para pagar a provedores do X Encontro.
Por outra banda tamén queremos que se considere o grande esforzo realizado para promocionar a Vilagarcía como destino turístico cultural en base ao X Encontro:
* Promoción directa coa presenza no Salón Náutico de Barcelona, Lisboa, Sesimbra, Setubal, Vila do Conde, País Vasco, Andalucía e diferentes puntos de Galicia
* Promoción a través das redes sociais, e moi especialmente nos sitios web e blogs dedicados á náutica.
* Promoción a través dos radioaficionados de ASORAPA, con 667 contactos de 44 provincias españolas e 40 países.
* Envío por parte da FGCMF de 3.000 postais no nadal do 2010 a través do correo electrónico por toda Europa a outras tantas asociacións e particulares relacionados coas embarcacións tradicionais. A postal de Nadal era o cartaz de Carríl 2011 adornado con motivos navideños e frases en diferentes idiomas convidando a asistir ao X Encontro
* Posibilidades que se abriron de realizar no futuro outros eventos no Concello de Vilagarcía relacionados coas embarcacións tradicionais.
* Imaxe de capacidade de traballo e implicación dos colectivos colaboradores ao seren capaces de sacar adiante e con moita dignidade e proxección un evento que sufriu uns brutais recortes nos seus orzamentos verbo dos encontros precedentes.
A falla de implicación do Concello co X Encontro pode provocar que os resultados destes esforzos realizados se vaian ao garete, e con eles tamén o esforzo xeneroso de tanta xente que leva anos traballando na recuperación e socialización dun patrimonio marítimo de todos os galegos. Polo de pronto, xa podemos sinalar varias consecuencias derivadas do déficit provocado polo non pagamento do Concello de Vilagarcía:
1ª) Neste mes de novembro cando a FGCMF por mor da débeda do X Encontro, e por primeira vez en moitos anos, non estivo presente no espazo da Marina Tradicional do Salón Náutico de Barcelona para presentar o DVD realizado durante o X Encontro, co que continuaría a promoción de Vilagarcía.
2ª) O pasado 26 de novembro na asemblea da FGCMF cando as asociacións que a conforman, e que son as que acoden coas súas embarcacións ás concentracións, manifestaron a súa intención de non acudir no futuro a calquera evento que se realice no concello de Vilagarcía se non hai unha solución por parte do Concello en relación coa súa achega ao X Encontro.
3ª) No mes de xaneiro ten que ser convocado o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, pero é moi probable que non suceda no caso de non ter liquidado economicamente o X Encontro, o que novamente haberá que explicar porqué non foi posible.
Á vista do exposto anteriormente, solicitámoslle á Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía de Arousa que asuma como mínimo a cantidade de 20.973,66€ como membro organizador do X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en concepto de colaboración co evento indicado. Os 20.973,66€ que se solicita que aporte o Concello de Vilagarcía corresponde co importe das facturas que restan por pagar aos provedores do X Encontro.
De non ser posible incluír esta achega ao X Encontro nos orzamentos do 2011, solicitamos que se faga nos orzamentos do 2012.
E como remate, reiteramos que non ten fundamento ningún dicir que o Concello de Vilagarcía realizou unha considerable achega para o X Encontro, un Encontro que levou a Carril tanta xente de moitas vilas galegas e de moi diversos países, un Encontro que sen dúbida ningunha constituíu unha boa panca promocional da vila mariñeira de Carril e da illa de Cortegada e á vez do concello de Vilagarcía.
Cambados a 8 de decembro de 2011
Asdo. Víctor Fernández González
Presidente da FGCMF

14/11/2011

ENCONTRO DE CARRIL


Ola a todos:
Despois de ter o blog en dique seco máis tempo do desexado, botámolo de novo ao mar para dar unha voltiña a vela polo Encontro de Carril da man do noso amigo catalán Joan Sol.

Podedes ver a sua margnífica reportaxe fotográfica en
http://www.flickr.com//photos/navegantsolitari/sets/72157628096132290/show/

16/07/2011

XIV Regata da Dorna. Ribeira 2011

Boas a todos, outro ano mais ponse en xogo a Dorna de Prata. O próximo 23 de xullo estades invitados a participar na Regata da Dorna que terá a saída ás 16:30 na zona da praia de Coroso.
De novo, publicamos o Anuncio de Regata co que intentamos informar das condicións de participación, a meirande parte para axustarnos á regulamentación actual, pero tamén como metodo de publicitar o evento.

Un saúdo e boa navegación
Marcos


07/06/2011

REGATA DE PRIMAVERA 2011. LAJAREU POR BARLOVENTO

A ÁNCORA DE RIBEIRA, LIDER INDISCUTIBLE MAIS UNHA VEZ NA 4ª E ÚLTIMA  PROBA.
Na tarde do sábado 28 de maio a Volandeira de Victor e Brux foi a única dorna que meteu en certos apuros a Áncora e mantivo a incerteza ata esta última manga. Ao final ficaría de segunda a un só punto.
Unha fermosa tarde de sol e calor, e que con un vento frouxo de entre 5 e 8 nós, propiciou unha tranquila tarde de navegación aos participantes.

Víctor e Brux, da Volandeira

A saída coma de costume nas inmediacións da praia de Coroso, sería ás 16,30 horas cara o primeiro paso, a boia de desmarque situada  no méio da abra, xa que nese intre o vento estaba soprando do leste. No momento da primeira pitada o vento caeu completamente provocando abordaxes na mesma liña de saída, e ata que o xuiz deu a última pitada non entraría o noroeste, facendo que as embarcacións saisen co vento xusto pola popa cara a boia de desmarque, e chegando ata alí moi xuntas, provocando tamén aí algunha que outra abordaxe.

Deste paso os participantes tomarían rumbo cara as Airoas amurados a estribor. Sería a partir de aquí onde comezaría a abrirse a regata e separarse as dornas ata alcanzar a illa de Rúa, pasando a Ardentía na primeira posición, seguida a moi pouca distancia da Rabuda e a Áncora.

No seguinte treito, ata o Camouco, as embarcacións deberían bolinar moi finamente, xa que o vento estaría rolando casi constantemente,  ainda que sen aumentar a intensidade. Neste bordo incorporouse ao grupo de cabeza A Rona do Grove, e xa de aí as dornas deberían dirixirse á chegada, situada perto do clube náutico. 

Jose Curiel, dende Madrid, chegar e encher. Na Vikinga de Fernando non é de extrañar.

Case todos os participantes elixirían o bordo da praia, xa que parecia o máis axeitado para enfrontar o vento xusto de proa. Ao final  Adelino e Agustín, patrón e proel da Áncora serían os primeiros en ultrapasar a liña de chegada, asegurándose así o primeiro posto na clasificación xeral.

Salientar a participación de dornas que se achegaron do Grove: A Rona, a Faisca, Marijuana, e a Sra. Maria, as cuais  fixeron un digno papel, e ás que animamos a que volten, e igual ca elas calquer outra. Sempre serán ben recebidas. Tamén destacar a participación de Jose e Cristina, chegados de  Madrid unicamente para participar nesta proba.

A clasificación da 4ª proba do Trofeo de Primavera ficou así:
1-Áncora
2- A Rona
3-Ardentía
4-Sandra
5-Faisca
6-Vikinga
7-Volandeira
8-Rabuda II
9-Cachi
10-Marijuana
11-Xaimiña
12-A fiuza
13-Lusiña
14-Sra. María

 A clasificación final da Regata ficaría da seguinte maneira:

Xunto coa entrega de trofeos tivemos a honra de recibir un agasallo de Xandomar (Juan Pérez Martínez), o seu libro recentemente editado "Antiga dorna polbeira de Castiñeiras" que recibiu o presidente do Lajareu. O que lle agradecemos grandemente.


Logo dos trofeos e dos pinchos, a tarde continuou apacible e tranquila. Temos as fotos desta regata dispoñibles e tamen as do resto de actividades, as podedes atopar no album de fotos do Lajareu.


Ata a próxima navegación. Esperamosvos na Regata da Dorna e na do Lajareu. 
Polo medio teremos a Volta Á Illa e os Encontros, así que xa tomaremos algo.

24/05/2011

XIV CAMPEONATO- PRIMAVERA DE DORNAS A VELA 3ª MANGA

    VICTORIA DA” LUSIÑA “ .  A “VOLANDEIRA “ LIDER PROVISORIO    
    COA ÁNCORA A  UN SÓ PUNTO DE DIFERENCIA
 Ó pasado sábado  21 de Maio celebrouse  a 3ª regata deste xa tradicional campeonato de Dornas a vela.
   Baixo unhas condicións envidiaveis, xa que coa tarde despexada e un vento que soplaría de compoñente Noroeste  con forza  de entre 12 e 16 nós  durante toda a xornada, faría  o día perfecto para este tipo  de navegación.  Iso sí, todas as dornas houberon de coser un rizo á vela por imperativo da organización, por mor dos fortes refachos que no comezo e no nos últimos bordos da regata fixeron sofrir a máis de unha embarcación.

 A saida coma de costume sería ás 16,30 horas nas inmediacións  da bahía de Coroso, un pouquiño separada da praia, onde estaba situada a boia de desmarque. De ahí deberían rebasar a Illa Dos Ratos por estribor , e a continuación bordear, tamén por estribor, a Illa de Rúa,  para ter que voltar   cara a praia , onde estaba situada a chegada.
No momento da saida para rebasar a boia de desmarque,  todas as embarcacións decidirían  sair  cara o Norte, non sendo a “Vikinga” e a “Moura” que no último intre  decidirom sair no bordo contrario , e todas chegarían bastante xuntas , destacando a “Áncora”,  que pasaría no primeiro lugar , e a “Lusiña”  que pasaría no segundo, ainda que as duas embarcacións deberían voltar  a sobrepasar a boia debido a que no caso da Áncora errou no sentido de paso, e no caso da Lusiña tocou a boia no último intre.  Isto benefició a Vikinga que sería a primeira en sair deste paso, seguida moi perto pola Volandeira, a Moura e a Rabuda II.
De aquí e ata Os Ratos non mudarían as cousas ,  facendo as dornas unha  fermosísima travesia paralela á praia.  Xa saindo proa a Illa de Rúa, a  Volandeira colocaríase na primeira posición seguida da Vikinga, Rabuda II, e a Moura.
 A Volandeira comezaba a  distanciarse do resto da flota, unicamente a Vikinga e a Lusiña  seguiríanlle a estela  no mesmo bordo proa a Palmeira , xa que o resto das embarcacións decidiran tirar proa ao Touro.
Xa moi perto da chegada,  a Volandeira,  destacada na primeira posición, tocou co timón nunha pedra e rompeu tamén a  nós do Pau, ó  que lle provocou unha importante pérda de tempo. Isto beneficiou a Lusiña que entraría de primeira, logo dunha importante remontada no último treito da proba que desbancou a Vikinga, ata ese intree en 2ª posición .  A clasificación final quedou así:

1-Lusiña                                                                
2-Vikinga
3-Áncora
4-Volandeira
5-Moura
6-Sandra
7-Xaimiña
8-Cachi
9-Rabuda II
10- Tixosa

e a clasifica provisoria do campeonato, levando em conta que hai alguns empates, seria

1 VOLANDEIRA
2 ÁNCORA
3 LUSIÑA
4 VIKINGA
5 SANDRA
6 ARDENTÍA
7 MOURA
8 RABUDA II
9 XAIMIÑA
10 CACHI
11 TIXOSA
12 A FIUZA

A seguinte cita  darase o próximo sábado  28 de Maio  as 16,30 horas,  sendo ésta a última e  definitiva  proba de esta edición,  na que se fará a entrega de trofeos.

19/05/2011

X Encontro de Embarcacións Tradicionáis de Galicia.








Ola a todos. Como xa sabedes moitos, e para os que non o saibades, este ano toca Encontro de Embarcacións Tradicionáis http://www.carril2011.es/X-Encontro-de-Embarcacions-Tradicionais-de-Galicia/gal/

A festa por excelencia da Cultura Mariñeira, onde nos reunimos todos os que andamos (ou navegamos) nisto en Galicia e parte do extranxeiro, para celebrar a nosa afición, disfrutar xuntos dela, dar a coñecer ao público en xeral a inmensa riqueza cultural e patrimonial que conservamos recuperamos, e promover o interese e coñecemento das embarcacións tradicionáis na sociedade.

Este ano o Encontro celébrase en Carril, ainda que hai actos previstos en Vilaxoán para extender a festa tamén a este porto.

O pasado sábado houbo unha reunión informativa en Cambados onde os representantes da asociación convocante Rompetimóns (Carlos e Petín), e Víctor de Bouzas, presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, informaron a representantes das asociacións das diversas cuestións de interese. Alí acudiu noso José, da Rabuda, que tomou boa nota do que se dixo; información que completamos co publicado noutros blogues:

ACTIVIDADES:

O Encontro comezará o fin de semana anterior á cita principal, con dúas xornadas previas, os dias 25 e 26 de xuño, en Vilaxoán, para que os que queiramos achegarnos teñamos festa e actividades, e os que queiramos levar as dornas esa fin de semana teñamos onde amarralas.

Os amarres das xornadas previas están previstos na zona dos bateeiros do porto de Vilaxoán, e poderán quedar alí, en principio ata o xoves día 30, data prevista para a travesía a Carril; ainda que tamén poderán deixarse ata o venres ou o sábado coordinándose cos membros da organización.

O sábado 25 de xuño en Vilaxoán poderá visitarse a exposición fotográfica "Memoria do mar", e unha exposciión de maquetas das primeiras bateas; haberá unha mostra de “encascado” de velas e redes, e se proxectarán os documentais "Memorias do salazón" e "Bueu, unha bota de altura". O conxunto musical Combo Mariñeiro amenizará a cita.

O luns 27, xa desde Carril comezan as visitas guiadas á Illa de Cortegada, que se prolongarán durante todo o Encontro

O xoves 30 de xuño está prevista a saida das embarcación desde Vilaxoán contando chegar á rada de Carril sobre as 15:00 horas.

Esa mesma tarde ás 19:00 horas inauguraráse o Encontro co xa tradicional izado de velas ao son das buguinas e campás.

É MOI IMPORTANTE que inscribades canto antes dornas e tripulacións para facilita-la organización dos amarres e a mellor ubicacións das embarcacións.

Sendo o Encontro na Ría de Arousa contamos con que haia dornas “como area” (“a punta pala”, para os de terra); así que está previsto que, alomenos as da Cultural Dorna (Ill de Arousa), queden varadas na praia de Carril, constituindo xa de por sí un espectáculo admirable.

O venres 1 de xullo (en Carril) terá lugar unha das actividades máis importantes: a Xornada Técnica sobre recoñecemento das embarcacións tradicionais como barcos senlleiros e reivindicación dunha lexislación propia. Además do seu interese intrínseco para todos nos, a xornada contará coa presencia de representantes da Xunta e a Mariña civil, e polo tanto debemos contribuir, coa nosa presencia masiva, a demostrarlles o moitos que somos e a importancia do que representamos, especialmente nestes tempos de crises e retalladas do gasto público que xa estamos padecendo.

Igualmente está prevista para ese dia a proxección do video "Galeóns na Arousa" e un concerto de música xoven (coma nos).

O sábado 2 de Xullo (en Carril) poderá verse la película "20 anos recuperando o patrimonio", que recolle a recuperación da lancha xeiteira Marina e a construcción da sua réplica, Nova Mariña.

Tamén haberá danzas, regatas e, á noitiña, concertos musicais.

O domingo 3 de Xullo (en Carril) haberá visitas guiadas do público ás embarcacións amarradas, actuacións e animación para os máis pequenos.

Durante os Encontros as ruas de Carril terán ambientación mariñeira, escenificacións, mostras de oficios tradicionais, e venda de libros.

NAVEGACIÓN:
O campo de regata e zona de navegación libre estará delimitado por boias.

E da máxima importancia respectar esta delimitación para non prexudicar o marisqueo da ameixa, principal fonte económica da vila.

Os horarios das regatas e actividades de navegación veñen condicionados polas mareas.


LOXÍSTICA:

Haberá aloxamento para as tripulacións en colchonetas no pavillón de Carril.

Aparcadoiro de remolques (no patio do colexio público).

As comidas serán, como ven sendo habitual, nunha carpa instalada no entorno do porto, e, como en anos anteriores, distribuiránse mediante bonos cun prezo total de 25 € para tódolos xantares e ceas, ainda que tamén se poderán adquirir bonos para un xantar ou cea concretos ao prezo de 5 euros.

É nada máis me queda que animarvos a todos a participar no Encontro, con dorna ou sen ela, por mar o por terra, os dias que cada un poida. E tratar de colabourar coa organización o máis posible. Este é un ano de grandes retalladas tamén nos oramentos do Encontro. As administracións tardaron moito en concretar e a organización, consecuentemente, moito en programar e organizar, así que correspóndenos a nos poñer todo o que podamos da nosa parte para que o Encontro volva ser un éxito e demostre á sociedade a importancia de apoiar as embarcacións tradicionais e a cultura mariñeira.

E para colabourar, o primeiro e inscribirse canto antes, neste vínculo: http://www.carril2011.es/X-Encontro-de-Embarcacions-Tradicionais-de-Galicia/gal/inscripcion.php