28/07/2010

A Ruta das Dornas. Abelleira Mariñeira


O pasado ano 2009, aproveitando a cita do Encontro de Embarcacións Tradicionáis de Muros http://lajareu.blogspot.com/2009/07/o-encontro-de-muros.html, a Asociación Cultural Lajareu por Barlovento desenvolveu a iniciativa de recuperar e poñer en valor un elemento do patrimonio inmaterial da cultura mariñeira de Riveira, navegando, coas suas pequenas dornas de 9 cuartas (4,65 metros de eslora) pola antiga Ruta de Verán das dornas:


Antes da implantación dos motores nos anos 50 e 60 o traballo no mar planificábase estacionalmente en función dos ventos reinantes en cada época do ano.
No verán, as dornas de Riveira, aproveitaban os ventos dominantes para ir pescar á parte de Muros, saindo da Ria co nordeste de mañán e poñendo proa ao Monte Louro co noroeste que entra sobre as tres da tarde.Todas as dornas, salvo as pequenas polveiras, que quedaban na Ria, facían esta ruta: as grandes xeiteiras da sardiña, que botaban varios dias, as tramalleiras, as pescadoras da liña...

A "Ruta das Dornas" http://lajareu.blogspot.com/2009/06/ruta-das-dornas.html do Lajareu nace como actividade cultural de recuperación e valorización deste elemento tradicional no 2009. Se ben nesta edición realizan a travesía tan só 5 dornas, a actividade alcanza notable éxito e repercusión social, xa que as dornas arriban ao peirao da pequena parroquia muradá de Abelleira en plena Festa da Botadura da sua "canoa". A parroquia enteira está volcada no acontecemento cunha festa concorridísima e moi animada.As dorniñas de Lajareu entran polo exigüo paso da boca do Río navegando a vela, e os viciños e viciñas, vistindo roupas mariñeiras do século XIX, reciben a expedición de Lajareu con aplausos, gaitas, foguetes e un excelente xantar.


Do éxito daquela festa da botadura, nace este ano 2010 a Festa "Abelleira Mariñeira" http://www.abelleira.info/wp/?p=398, e a Asociación veciñal "A Ostreira", artífice da iniciativa, volve a invitar ao Lajareu a acodir coas suas dornas. Esta invitación e a sintonía coa veciñanza de Abelleira, son o acicate para a consolidación da Ruta das Dornas como actividade estable do calendario Lajareu, que este ano se consolida con esta Segunda Edición. Nesta segunda travesía contamos con 8 dornas e 20 tripulantes inscritos, e xa nos tarda repetir a experiencia do ano pasado e reencontrarnos cos amigos de Abelleira. E a arribada das dornas de Lajareu consta xa como unha actividade destacada no programa da festa Abelleira Mariñeira, tendose programada a recepción e acompañamento da expedicción de Lajareu polo resto de embarcacións tradicionáis congregadas na festa.


As dornas do Lajareu no verán de 2009 ao paso polo faro de Corrubedo.

O paso das dornas de Lajareu poderá seguirse na mañá do sábado 30 de xulio dende Castiñeiras, Aguiño, Espiñeirido, Corrubedo, Baroña, O Son e Monte Louro, rematantodo sobre as 15:00 horas, coa vistosa arribada ao rio en Abelleira, que esperamos poder facer a vela, en plena celebración da festa Abelleira Mariñeira,e acompañados polas demáis embarcacións que acodan ao vento, entre as que destacarán sen dúbida os Currachs irlandeses de Cork.

Boa Proa e vémonos sábado

22/07/2010

REGATA DA DORNA 2010

Ola a todos, como xa estaba anunciado no calendario da FGCMF este sabado 24 de xullo celebrarase a XIII Regata da Dorna.
A prediccion meteoroloxica para o sabado a dia de hoxe, xoves 22, é un vento duns 12-14 nos de direccion norte, o mar tamen de norte, co ceo despexado e unha temperatura de 25 graos.
Xa dan ganas de velear, eh! ademais a marea estara chea as 15:55.
Aqui vos deixo o anuncio de regata que xa se convirte nun habitual.





un saudo
marcos

18/07/2010

O Bicheiro - Que boas singraduras pola ría!

Xa había tempo que non pendurabamos nada do "Bicheiro". Velaí esta tiriña que vén de publicar o Davila na súa bitácora hai uns días. Pareceume que viña ben a conto das caralludas singraduras que nos estamos a meter pola ría con isto das regatas do verán que se levan suspendidas.
Onte ao cancelar a dos Faros de Ogrobe, puxemos rumo á Arousa tomarlle unha caldeirada de polbo acompañada cun bo barrantes da casa. Daba gloria ollar a Vikinga, a Rabuda, a Áncora, a Papoula e a Cachi a bolinar contra o nordés para faceren a travesía nun potente bordo.

O outro día tocou exibición de dorna a vela ao arribarmos na praia da ponta Cabío. Ao se cancelar a volta á Arousa comimos os bocatas que tiñamos para xantar na travesía, e metímoslle uns bordos para lle tomar os cafés con xeo aló no bochinche. Como non podía ser doutro xeito, veu xente, que estaba a pasar o día de praia, interesarense polo espectáculo das dornas a luciren despois a súa fasquía, fachendosas, varadas na area.

10/07/2010

O Lajareu achegouse a Vila do Conde.

Foi unha fin de semana estupenda. Xa levabamos unhas semanas de preparación e non defraudou, achegarnos ao VIII Encontro de Embarcações Tradicionais de Vila do Conde foi unha experiencia fantástica.

Durante eses dias en Vila do Conde celebraronse as festas de S. Joao, patrón da vila, e os encontros supoñen un dos eventos cos que empeza esa semana grande.

Dende o primeiro momento a organización acolleu aos integrantes da expedición do Lajareu, o primeiro en chegar o Xaime, coa Xaimiña, tan cedo chegou que non había outra embarcación por alí. Mais tarde os Cachis e familia e por ultimo eu mesmo cuns acompañantes para facer un total de 9 tripulantes para unha dorna, moitos. Desexo que o ano que ven poidamos estar mais representados e agradecer así a xenerosidade que os organizadores nos prestaron nesta edición.

Tamén a Camara municipal, co seu apoio institucional e axuda na organizacion, fai que o encontro estea en auxe, cada ano mais embarcacións e xente se achega a participar nel, ten que ver tamén coa amabilidade e atención que se nos brinda aos que por ali imos.

Axuda moito o entorno, a desembocadura do rio Ave forma un pequeno estuario de augas tranquilas cunha rehabiliatcion do porto moi ben executada que fai que a navegación nas suas augas sexa unha ledicia.

Neses tres dias fixeronse navegacións o sabado e o domingo pola maña, a xente dende a ponte sobre o rio e dende o peirao disfrutaron de xeito moi cercano da variedade de embarcacions, velas e tecnicas que alí se xuntaron. Podianse ver a enorme Fe en Deus, a fantastica Maria dos Anjos, dornas, carochos, bucetas (ata alí foi a Abelleira, a buceta que se botou o ano pasado xusto antes dos encontros de Muros) , un bote de Ferrol, ...


Os do Lajareu fumos intercambiando tripulacion na Xaimiña para facer algúns bordos, unha magoa que non houbese mais tempo para poder intercambiar tripulacións coas embarcacion portuguesas, esperemos que para o ano poida ser.

Unha pena que o sabado pola tarde o vento do noreste levantase tanto, unha nordestada coma as da nosa ría, que xunto coa marea baixando fai moi dificil remontar o rio porque os bordos bolinando non son moi largos e o abatimento e a deriva impiden que avances. Mais complicado que as dornas o teñen as suas embarcacións porque bolinando non ciñen tanto coma nos e menos cando levan a vela á mala.



Como os barcos non podian sair, a organizacion tiña previsto actividades alternativas, entre outras unha visita ao Museo da Memoria onde se expuña a obra "Floresta encantada" de Jorge Curval. A visita guiada estivo interesante, polo menos facia que xurdisen algunhas preguntas, ¿tal como va a cousa será necesario meter a natureza nun museo para conservala?.

Tamen tivemos tempo para dar unha volta pola vila, coas suas ruas adornadas para as festas e achegarnos a unha exposición nun edificio dos asteleiros agora reformado, faltoume o Museo da navegacion, non da tempo a todo.


Podedes ver moitas mais fotos do Encontro nos albums do Lajareu. Vémonos na regata da Dorna!
unha aperta.

marcos