26 de maio de 2010

FINALIZA O CAMPEONATO DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA

A ÁNCORA, DE RIBEIRA, MÁIS UNHA VEZ VENCEDORA INDISCUTIBLE

O pasado sábado 22 de Maio celebrouse a última regata das catro de que constaba a XIV edición de este xa clásico campeonato. Esta sería a única regata que se desenvolveu nunhas condicións realmente primaverais, con temperaturas propias do verán e unhas condicións de vento envidiabeis para este tipo de eventos.


Ás 16,30 horas da tarde, serían 16 as dornas que tomarían a saída frente da bahía de Coroso. O percorrido obrigaba a pasar as embarcacións da saída ata a boia de desmarque, continuando cara o farol da Pedra Seca, deixando este por estribor e como último paso obligado a Illa de Rúa, tamén por estribor ata a meta, situada esta nas inmediacións do Clube Náutico de Ribeira.

No momento da saída, a Áncora de Adelino e Agustín (Ribeira), situariase no primeiro lugar no momento de pasar pola boia de desmarque, e seguidos moi perto pola Papoula, Ardentía e a Vikinga. Ata o seguinte paso, o Farol de Pedra Seca , sempre con un vento que daba ás embarcacións entre un través e a popa , manteríanse os mesmos postos que no paso anterior , ainda que o grupo que ía detrás, acortaría bastante distancia aos catro primeiros.
O seguinte paso, a Illa de Rúa, a Áncora conservaba o primeiro posto facendo neste tramo unha grande bolinada, e seguidos moi de perto pola Vikinga, o resto das embarcacións situábanse a bastante distancia.

A Papoula de Carlos e Bermo (Palmeira), situada no terceiro posto nese momento, cometeu o erro de non deixar por estribor a Illa de Rúa, e ainda que continuou ata a meta, ficaría eliminada por orde do Xuíz.

Deste último paso ata a chegada, os participantes deberían afrontar uns ventos que pouco a pouco irían aumentando en intensidade e rolando constantemente a medida que ían achegándose á bahía, onde se situaba a chegada. Isto fixo que houbese un cambio importante na clasificación, xa que os diferentes bordos que debían facer as embacacións favorecerían aquelas dornas que elixiron achegarse á chegada pola parte sur da Bahía. Isto faría que dornas como a Zoa, que tendo saído na última posición por un erro na saída, chegase primeira, dando un volco importante á clasificación.

A dorna Maristela de Vilanova volcaría perto da Praia de Coroso debido a un forte refacho. Esta embarcación tivo que ser rebocada ata o porto pola lancha de salvamento marítimo sen consecuencias materiais nen persoais

Outra embarcación que debería ser rebocada ata porto sería a Puñetera de Vigo, nesta ocasión debidoá rotura do mastro.
Despois de máis de tres horas de navegación a orde de chegada foi como segue.:
1- Zoa 2-Vikinga 3-Volandeira 4-Áncora 5.-Tixosa 6.-Sandra 7.-Rabuda 8.-Ardentía 9.-Lusiña 10.-Jolfiña 11.-Xaimiña 12.-Breogán

-Papoula ( no clasificada por non pasar por Rúa )

-Maristela (non clasificada por emborcar )

-Puñetera ( non clasificada por rotura de palo )

-Gloria ( non clasificada por abandono ).

Despois do cómputo das catro regatas, a clasificación xeral é a seguinte.:

1-Áncora 2-Vikinga. 3-Papoula. 4-.Volandeira. 5-Jolfiña 6-Lusiña 7-Ardentía 8-Sandra 9-Rabuda 10-Maristela 11-Xaimiña 12-Breogán 13-Zoa 14-Tixosa 15-Praia das Carolinas 16-Gloria 17-Puñetera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario