18 de maio de 2010

3ª REGATA DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA


A Áncora de Adelino Formoso e Agustín Seráns a piques de conseguir o campionato.
O pasado sábado día 8 con saída da praia do Coroso celebrouse a terceira regata do XIII Trofeo de Primavera de Dornas a Vela Lajareu por Barlovento. O percorrido escollido foi exactamente o mesmo que o da 2º regata, pois estaba a soprar un vento duro do Sur.
Así pois, despois da saída as dornas deixarían o faro de Lajareu por babor para pasar deixando por estribor o sinal do Camouco para despois rodear as Illas Airoas por estribor e regresar ao punto de saída.
Debido ao duro vento reinante no momento da saída, a organización impuxo como medida de seguridade que as dornas navegasen co mastro caído na segunda pica de proa. No momento da saída todas as tripulacións estiveron moi nerviosas, e mesmo a Breogán de Luisa e Carla adiantáronse a pasar pola liña ao toque do sinal, polo que tiveron que volver á liña para saír de novo, desta segunda volta no último lugar. Outro tanto estivo a piques de pasarlle á Lusiña, que ía tamén moi adiantada, mais o patrón Antonio Santiago no lugar de adiantarse percorreu a liña e a piques estivo de abordar a Jolfiña que saía un pouco por detrás.
Arrancado dunha moi boa posición, e con grande velocidade no paso da saída, a dorna líder do campionato, a Áncora de Adelino e Agustín conseguiu, xa na saída a primeira posición. A Jolfiña, de Alberto Romero e Nacho Jorganes, conseguiu achegarse moito á Áncora, mais esta nun espectacular bordo no Lajareu, foi quen de manter a vantaxe. A moi pouca distancia perseguían a estas a Lusiña, a Puñetera, a Papoula e a Maristela nunha loita moi apertada. Tralo paso polo Lajareu, e navegando dun largo ata o Camouco a Papoula e a Maristela foron collendo o liderado do grupo perseguidor.
Con todo, as posicións da Áncora e a Jolfiña mantíñanse no paso polo Camouco. Tras pasar polo Camouco, o vento comezou a caer, e mesmo a organización estivo prantexándose suspender a regata. As posicións de cabeza continuaban o mesmo, mais as dornas, perto xa das Airoas non eran quen de navegar debido á encalmada. A situación víase agravada porque a organización impuxera o pau caido como medida de seguridade.
Por sorte, e tras vinte e tantos minutos de encalmada comezou a levantar unha brisa que puxo en marcha outra vez a frota. Nese momento, a Jolfiña errou a súa derrota e co cambio do vento non lle deu o bordo para pasar polas Airoas perdendo a súa vantaxe. De volta ao Coroso, os patróns tivéronse que aplicar de novo a bolinar, pois o vento foi rolando ao Noroeste nunha dirección case oposta á da saída. Ramón de Vigo patroneando a Puñetera e Claudio de Vilanova ao temón da Maristela estiveron rapidísimos neste tramo das Airoas ata Coroso.
A última manga do campionato terá lugar o vindeiro sábado 22 de maio, con saída da Praia de Coroso ás catro e media da tarde.
Calsificación da 3º Regata:
1.- Áncora, 2.- Puñetera, 3.- Maristela, 4.- Papoula, 5.- Jolfiña, 6.- Lusiña, 7.- Sandra, 8.- Vikinga, 9.- Rabuda II, 10.- Breogán, 11.- Xaimiña
Clasificación Xeral: 1.- Áncora, 2.- Papoula,3.- Vikinga, 4.- Puñetera, 5.- Jolfiña, 6.- Sandra, 7.- Lusiña, 8.- Ardentía, 9.- Maristela, 10.- Volandeira, 11.- Rabuda II, 12.- Breogán, 13.- Xaimiña, 14.- Praia das Carolinas, 15.- Tixosa

Ningún comentario:

Publicar un comentario