04/10/2010

O Lajareu em Viana do Castelo


Nos dias 18 e 19 do passado mês de Setembro realizou-se em Viana do Castelo o 2º Encontro de Embarcaçoes Tradicionais do Rio Lima, e até alo fômos um par de dornas do Lajareu, a Rabuda e a Xaimiña.

Viana está na desembocadura do rio Lima e as instaçons portuárias modificam bastante a beira do rio no seu último trecho. Ainda assim fica suficiente para remontar o vento comodamente fazendo bordos com a dorna. Entre os participantes havia embarcaçons bem conhecidas em Galiza como a lancha poveira Fé em Deus, a Maria dos Anjos, a Briosa dos marinheiros de Vila do Conde, ou um carocho de Caminha.
De Galiza também estava a gente de Ogrobe, a Guarda e Vigo. @s incombustíveis arouçans nom aparecerom desta volta porque celebravam esse fim-de-semana o vigésimo-quinto aniversário do fim da sua insularidade.

Como o programa já está no site da federaçom, salientaremos algumhas cousas com as fotos que figemos, como a apresentaçom do “ Lanhezes”, réplica constroída este ano dumha embarcaçom de carga do rio Lima da freguesia deste nome, graças às fotos e os testemunhos dos seus marinheiros ainda vivos. Sentimos nom ter obtido nengumha foto da “Lanhezes” navegando com a sua vela quadrada com vento portante.
Em terra havia umha exposiçom de embarcaçons pequenas, entre as que o Moliceiro de Aveiro nom passa desapercebido. E um Doris, como o que nos encontrariamos a bordo do bacalhadeiro Santa Maria Manuela, e que trataremos ao pormenor num outro “post”.

Outra das actividades foi a visita ao devandito Santa Maria Manuela, bacalhadeiro dos anos trinta reconstroído quase completamente, é propriedade dumha empresa pesqueira que o emprega em diferentes actividades recreativas e comerciais.


O aparelho é governado em parte com méios mecánicos e nom emprega nunca toda a superfície vélica original, mas nom deixa de ser um buque impresionante.
Por último encorajamos tod@s @s navegantes da Galiza a participar nestes eventos no país vizinho e irmao, e a eles a que nom deixem de nos acompanhar o próximo ano em Carril.

16/09/2010

XXIII Trovada de Vela Llatina de Cadaqués

Ola de novo mariñeiros, afeccionados, curiosos, e público en xeral.

Un ano máis, obriga e devoción leváronme a terras (e mares) catalanas no mes de Agosto; per non pensedes que con iso deixei de atender ao mar, ás dornas, e ao meu compromiso inquebrantable coas cores do Lajareu, porque, un ano máis, a "Tamariua", dorna de Lajareu con base en Port de de la Selva, acudiu a Cadaqués para participar no decano dos Encontros de embarcacións tradicionáis de Catalunya, como embaixadora do noso Clube, e do Patrimonio marítimo galego en xeral; e non con pouca Fortuna. A parte da xa tradicional flexibilidade de horários no desenvolvemento do programa, o encontro foi, como sempre, unha marabilla e unha preciosidade.

Este ano, por primeira vez, a Tamariua acodiu a Cadaqués por mar, pasando o Cabo de Creus en compaña doutros catro botes e llauts del Port: o Capeador, o Xec, o Carme, e o Llaut de Fernando, que agora non se me acode o nome. Un saudo aos compañeiros e intrépidos mariñeiros desde singladura!
Con repecto ao encontro, ademáis da sariñada do almorzo e a magnífica cea que nos serviron na praia, disfrutada na mellor compañía, o acontecemento central é a navegación-regata social na que este ano, e levando de tripulante a Joan Sol, bloguer de El Mar es el Camí , http://elmareselcami.blogspot.com/, a Tamariua chegou de primeira. Precisamente no blog de Joan Sol, do que proveñen estas fotos, hai unha breve crónica da "regata" e, entre outros, un pequeno comentario dun servidor. Non vos podedes imaxinar o precioso que é navegar entre aquelas magníficas velas no escenario da bahía de Cadaqués. Pero as fotos poden dar unha idea: http://elmareselcami.blogspot.com/2010/09/xxiii-trobada-de-vela-llatina-de.html

Unha aperta. Suso

31/08/2010

REGATA LAJAREU 2010

Ola a todos, este sabado 4 de setembro celebraremos unha nova edición da Regata Lajareu.
O tempo anda un pouco revolto estes dias pero se espera que mellore para a fin se semana así que podemos ir preparando o petate para embarcar.
Este é o Anuncio de Regata para esta edición.



un saudo

marcos

28/07/2010

A Ruta das Dornas. Abelleira Mariñeira


O pasado ano 2009, aproveitando a cita do Encontro de Embarcacións Tradicionáis de Muros http://lajareu.blogspot.com/2009/07/o-encontro-de-muros.html, a Asociación Cultural Lajareu por Barlovento desenvolveu a iniciativa de recuperar e poñer en valor un elemento do patrimonio inmaterial da cultura mariñeira de Riveira, navegando, coas suas pequenas dornas de 9 cuartas (4,65 metros de eslora) pola antiga Ruta de Verán das dornas:


Antes da implantación dos motores nos anos 50 e 60 o traballo no mar planificábase estacionalmente en función dos ventos reinantes en cada época do ano.
No verán, as dornas de Riveira, aproveitaban os ventos dominantes para ir pescar á parte de Muros, saindo da Ria co nordeste de mañán e poñendo proa ao Monte Louro co noroeste que entra sobre as tres da tarde.Todas as dornas, salvo as pequenas polveiras, que quedaban na Ria, facían esta ruta: as grandes xeiteiras da sardiña, que botaban varios dias, as tramalleiras, as pescadoras da liña...

A "Ruta das Dornas" http://lajareu.blogspot.com/2009/06/ruta-das-dornas.html do Lajareu nace como actividade cultural de recuperación e valorización deste elemento tradicional no 2009. Se ben nesta edición realizan a travesía tan só 5 dornas, a actividade alcanza notable éxito e repercusión social, xa que as dornas arriban ao peirao da pequena parroquia muradá de Abelleira en plena Festa da Botadura da sua "canoa". A parroquia enteira está volcada no acontecemento cunha festa concorridísima e moi animada.As dorniñas de Lajareu entran polo exigüo paso da boca do Río navegando a vela, e os viciños e viciñas, vistindo roupas mariñeiras do século XIX, reciben a expedición de Lajareu con aplausos, gaitas, foguetes e un excelente xantar.


Do éxito daquela festa da botadura, nace este ano 2010 a Festa "Abelleira Mariñeira" http://www.abelleira.info/wp/?p=398, e a Asociación veciñal "A Ostreira", artífice da iniciativa, volve a invitar ao Lajareu a acodir coas suas dornas. Esta invitación e a sintonía coa veciñanza de Abelleira, son o acicate para a consolidación da Ruta das Dornas como actividade estable do calendario Lajareu, que este ano se consolida con esta Segunda Edición. Nesta segunda travesía contamos con 8 dornas e 20 tripulantes inscritos, e xa nos tarda repetir a experiencia do ano pasado e reencontrarnos cos amigos de Abelleira. E a arribada das dornas de Lajareu consta xa como unha actividade destacada no programa da festa Abelleira Mariñeira, tendose programada a recepción e acompañamento da expedicción de Lajareu polo resto de embarcacións tradicionáis congregadas na festa.


As dornas do Lajareu no verán de 2009 ao paso polo faro de Corrubedo.

O paso das dornas de Lajareu poderá seguirse na mañá do sábado 30 de xulio dende Castiñeiras, Aguiño, Espiñeirido, Corrubedo, Baroña, O Son e Monte Louro, rematantodo sobre as 15:00 horas, coa vistosa arribada ao rio en Abelleira, que esperamos poder facer a vela, en plena celebración da festa Abelleira Mariñeira,e acompañados polas demáis embarcacións que acodan ao vento, entre as que destacarán sen dúbida os Currachs irlandeses de Cork.

Boa Proa e vémonos sábado

22/07/2010

REGATA DA DORNA 2010

Ola a todos, como xa estaba anunciado no calendario da FGCMF este sabado 24 de xullo celebrarase a XIII Regata da Dorna.
A prediccion meteoroloxica para o sabado a dia de hoxe, xoves 22, é un vento duns 12-14 nos de direccion norte, o mar tamen de norte, co ceo despexado e unha temperatura de 25 graos.
Xa dan ganas de velear, eh! ademais a marea estara chea as 15:55.
Aqui vos deixo o anuncio de regata que xa se convirte nun habitual.





un saudo
marcos

18/07/2010

O Bicheiro - Que boas singraduras pola ría!

Xa había tempo que non pendurabamos nada do "Bicheiro". Velaí esta tiriña que vén de publicar o Davila na súa bitácora hai uns días. Pareceume que viña ben a conto das caralludas singraduras que nos estamos a meter pola ría con isto das regatas do verán que se levan suspendidas.
Onte ao cancelar a dos Faros de Ogrobe, puxemos rumo á Arousa tomarlle unha caldeirada de polbo acompañada cun bo barrantes da casa. Daba gloria ollar a Vikinga, a Rabuda, a Áncora, a Papoula e a Cachi a bolinar contra o nordés para faceren a travesía nun potente bordo.

O outro día tocou exibición de dorna a vela ao arribarmos na praia da ponta Cabío. Ao se cancelar a volta á Arousa comimos os bocatas que tiñamos para xantar na travesía, e metímoslle uns bordos para lle tomar os cafés con xeo aló no bochinche. Como non podía ser doutro xeito, veu xente, que estaba a pasar o día de praia, interesarense polo espectáculo das dornas a luciren despois a súa fasquía, fachendosas, varadas na area.

10/07/2010

O Lajareu achegouse a Vila do Conde.

Foi unha fin de semana estupenda. Xa levabamos unhas semanas de preparación e non defraudou, achegarnos ao VIII Encontro de Embarcações Tradicionais de Vila do Conde foi unha experiencia fantástica.

Durante eses dias en Vila do Conde celebraronse as festas de S. Joao, patrón da vila, e os encontros supoñen un dos eventos cos que empeza esa semana grande.

Dende o primeiro momento a organización acolleu aos integrantes da expedición do Lajareu, o primeiro en chegar o Xaime, coa Xaimiña, tan cedo chegou que non había outra embarcación por alí. Mais tarde os Cachis e familia e por ultimo eu mesmo cuns acompañantes para facer un total de 9 tripulantes para unha dorna, moitos. Desexo que o ano que ven poidamos estar mais representados e agradecer así a xenerosidade que os organizadores nos prestaron nesta edición.

Tamén a Camara municipal, co seu apoio institucional e axuda na organizacion, fai que o encontro estea en auxe, cada ano mais embarcacións e xente se achega a participar nel, ten que ver tamén coa amabilidade e atención que se nos brinda aos que por ali imos.

Axuda moito o entorno, a desembocadura do rio Ave forma un pequeno estuario de augas tranquilas cunha rehabiliatcion do porto moi ben executada que fai que a navegación nas suas augas sexa unha ledicia.

Neses tres dias fixeronse navegacións o sabado e o domingo pola maña, a xente dende a ponte sobre o rio e dende o peirao disfrutaron de xeito moi cercano da variedade de embarcacions, velas e tecnicas que alí se xuntaron. Podianse ver a enorme Fe en Deus, a fantastica Maria dos Anjos, dornas, carochos, bucetas (ata alí foi a Abelleira, a buceta que se botou o ano pasado xusto antes dos encontros de Muros) , un bote de Ferrol, ...


Os do Lajareu fumos intercambiando tripulacion na Xaimiña para facer algúns bordos, unha magoa que non houbese mais tempo para poder intercambiar tripulacións coas embarcacion portuguesas, esperemos que para o ano poida ser.

Unha pena que o sabado pola tarde o vento do noreste levantase tanto, unha nordestada coma as da nosa ría, que xunto coa marea baixando fai moi dificil remontar o rio porque os bordos bolinando non son moi largos e o abatimento e a deriva impiden que avances. Mais complicado que as dornas o teñen as suas embarcacións porque bolinando non ciñen tanto coma nos e menos cando levan a vela á mala.



Como os barcos non podian sair, a organizacion tiña previsto actividades alternativas, entre outras unha visita ao Museo da Memoria onde se expuña a obra "Floresta encantada" de Jorge Curval. A visita guiada estivo interesante, polo menos facia que xurdisen algunhas preguntas, ¿tal como va a cousa será necesario meter a natureza nun museo para conservala?.

Tamen tivemos tempo para dar unha volta pola vila, coas suas ruas adornadas para as festas e achegarnos a unha exposición nun edificio dos asteleiros agora reformado, faltoume o Museo da navegacion, non da tempo a todo.


Podedes ver moitas mais fotos do Encontro nos albums do Lajareu. Vémonos na regata da Dorna!
unha aperta.

marcos

26/05/2010

FINALIZA O CAMPEONATO DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA

A ÁNCORA, DE RIBEIRA, MÁIS UNHA VEZ VENCEDORA INDISCUTIBLE

O pasado sábado 22 de Maio celebrouse a última regata das catro de que constaba a XIV edición de este xa clásico campeonato. Esta sería a única regata que se desenvolveu nunhas condicións realmente primaverais, con temperaturas propias do verán e unhas condicións de vento envidiabeis para este tipo de eventos.


Ás 16,30 horas da tarde, serían 16 as dornas que tomarían a saída frente da bahía de Coroso. O percorrido obrigaba a pasar as embarcacións da saída ata a boia de desmarque, continuando cara o farol da Pedra Seca, deixando este por estribor e como último paso obligado a Illa de Rúa, tamén por estribor ata a meta, situada esta nas inmediacións do Clube Náutico de Ribeira.

No momento da saída, a Áncora de Adelino e Agustín (Ribeira), situariase no primeiro lugar no momento de pasar pola boia de desmarque, e seguidos moi perto pola Papoula, Ardentía e a Vikinga. Ata o seguinte paso, o Farol de Pedra Seca , sempre con un vento que daba ás embarcacións entre un través e a popa , manteríanse os mesmos postos que no paso anterior , ainda que o grupo que ía detrás, acortaría bastante distancia aos catro primeiros.
O seguinte paso, a Illa de Rúa, a Áncora conservaba o primeiro posto facendo neste tramo unha grande bolinada, e seguidos moi de perto pola Vikinga, o resto das embarcacións situábanse a bastante distancia.

A Papoula de Carlos e Bermo (Palmeira), situada no terceiro posto nese momento, cometeu o erro de non deixar por estribor a Illa de Rúa, e ainda que continuou ata a meta, ficaría eliminada por orde do Xuíz.

Deste último paso ata a chegada, os participantes deberían afrontar uns ventos que pouco a pouco irían aumentando en intensidade e rolando constantemente a medida que ían achegándose á bahía, onde se situaba a chegada. Isto fixo que houbese un cambio importante na clasificación, xa que os diferentes bordos que debían facer as embacacións favorecerían aquelas dornas que elixiron achegarse á chegada pola parte sur da Bahía. Isto faría que dornas como a Zoa, que tendo saído na última posición por un erro na saída, chegase primeira, dando un volco importante á clasificación.

A dorna Maristela de Vilanova volcaría perto da Praia de Coroso debido a un forte refacho. Esta embarcación tivo que ser rebocada ata o porto pola lancha de salvamento marítimo sen consecuencias materiais nen persoais

Outra embarcación que debería ser rebocada ata porto sería a Puñetera de Vigo, nesta ocasión debidoá rotura do mastro.
Despois de máis de tres horas de navegación a orde de chegada foi como segue.:
1- Zoa 2-Vikinga 3-Volandeira 4-Áncora 5.-Tixosa 6.-Sandra 7.-Rabuda 8.-Ardentía 9.-Lusiña 10.-Jolfiña 11.-Xaimiña 12.-Breogán

-Papoula ( no clasificada por non pasar por Rúa )

-Maristela (non clasificada por emborcar )

-Puñetera ( non clasificada por rotura de palo )

-Gloria ( non clasificada por abandono ).

Despois do cómputo das catro regatas, a clasificación xeral é a seguinte.:

1-Áncora 2-Vikinga. 3-Papoula. 4-.Volandeira. 5-Jolfiña 6-Lusiña 7-Ardentía 8-Sandra 9-Rabuda 10-Maristela 11-Xaimiña 12-Breogán 13-Zoa 14-Tixosa 15-Praia das Carolinas 16-Gloria 17-Puñetera.

18/05/2010

3ª REGATA DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA


A Áncora de Adelino Formoso e Agustín Seráns a piques de conseguir o campionato.
O pasado sábado día 8 con saída da praia do Coroso celebrouse a terceira regata do XIII Trofeo de Primavera de Dornas a Vela Lajareu por Barlovento. O percorrido escollido foi exactamente o mesmo que o da 2º regata, pois estaba a soprar un vento duro do Sur.
Así pois, despois da saída as dornas deixarían o faro de Lajareu por babor para pasar deixando por estribor o sinal do Camouco para despois rodear as Illas Airoas por estribor e regresar ao punto de saída.
Debido ao duro vento reinante no momento da saída, a organización impuxo como medida de seguridade que as dornas navegasen co mastro caído na segunda pica de proa. No momento da saída todas as tripulacións estiveron moi nerviosas, e mesmo a Breogán de Luisa e Carla adiantáronse a pasar pola liña ao toque do sinal, polo que tiveron que volver á liña para saír de novo, desta segunda volta no último lugar. Outro tanto estivo a piques de pasarlle á Lusiña, que ía tamén moi adiantada, mais o patrón Antonio Santiago no lugar de adiantarse percorreu a liña e a piques estivo de abordar a Jolfiña que saía un pouco por detrás.
Arrancado dunha moi boa posición, e con grande velocidade no paso da saída, a dorna líder do campionato, a Áncora de Adelino e Agustín conseguiu, xa na saída a primeira posición. A Jolfiña, de Alberto Romero e Nacho Jorganes, conseguiu achegarse moito á Áncora, mais esta nun espectacular bordo no Lajareu, foi quen de manter a vantaxe. A moi pouca distancia perseguían a estas a Lusiña, a Puñetera, a Papoula e a Maristela nunha loita moi apertada. Tralo paso polo Lajareu, e navegando dun largo ata o Camouco a Papoula e a Maristela foron collendo o liderado do grupo perseguidor.
Con todo, as posicións da Áncora e a Jolfiña mantíñanse no paso polo Camouco. Tras pasar polo Camouco, o vento comezou a caer, e mesmo a organización estivo prantexándose suspender a regata. As posicións de cabeza continuaban o mesmo, mais as dornas, perto xa das Airoas non eran quen de navegar debido á encalmada. A situación víase agravada porque a organización impuxera o pau caido como medida de seguridade.
Por sorte, e tras vinte e tantos minutos de encalmada comezou a levantar unha brisa que puxo en marcha outra vez a frota. Nese momento, a Jolfiña errou a súa derrota e co cambio do vento non lle deu o bordo para pasar polas Airoas perdendo a súa vantaxe. De volta ao Coroso, os patróns tivéronse que aplicar de novo a bolinar, pois o vento foi rolando ao Noroeste nunha dirección case oposta á da saída. Ramón de Vigo patroneando a Puñetera e Claudio de Vilanova ao temón da Maristela estiveron rapidísimos neste tramo das Airoas ata Coroso.
A última manga do campionato terá lugar o vindeiro sábado 22 de maio, con saída da Praia de Coroso ás catro e media da tarde.
Calsificación da 3º Regata:
1.- Áncora, 2.- Puñetera, 3.- Maristela, 4.- Papoula, 5.- Jolfiña, 6.- Lusiña, 7.- Sandra, 8.- Vikinga, 9.- Rabuda II, 10.- Breogán, 11.- Xaimiña
Clasificación Xeral: 1.- Áncora, 2.- Papoula,3.- Vikinga, 4.- Puñetera, 5.- Jolfiña, 6.- Sandra, 7.- Lusiña, 8.- Ardentía, 9.- Maristela, 10.- Volandeira, 11.- Rabuda II, 12.- Breogán, 13.- Xaimiña, 14.- Praia das Carolinas, 15.- Tixosa

12/05/2010

OUTRA AVENTURA DO SIMESARGA


En Febreiro contabamos aquí as peripecias dos Goldazerena, de Donostia. Chegabamos a esta saga de peculiares carpinteiros de ribeira que se adicaban a "todo o que flotase", por unha coluna de marítima nun ABC do ano 1974, que daba conta da arribada por temporal do arrastreiro Simesarga ao porto de Ribeira.

Non sabemos se foi nese ano, ou noutra das súas aventuras, cando foi que recalou finamente o bote de salvamento do Simesarga no noso porto dorneiro. O caso é que velaí está agora, no galpón do Lajareu, amosando as súas "boas augas" como nos falaba o outro día José Bermo, o Americano, despois da regata.

Pois hoxe atopei outro episodio do arrastreiro basco dez anos antes daquela visita barbanzá. Desta volta, fálanos o xornal de que acodira ao resgate doutro pesqueiro en augas do cabo Aguer aló polo atlántico bérber. O barco de Huelva pedira auxilio despois de colidir cun buque da armada española con base naquelas "plazas" africanas.

E pergunto eu, na mariña deixaban á deriva unha tripulación pesqueira depois dunha colisión... ?

28/04/2010

2ª REGATA DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA


Xornada marcada polo forte vento e a grande altura das ondas.Importantes abandonos debido á dureza do percorrido.

O pasado sábado día 24, como ven sendo habitual, deuse a saída a estanova manga dende a Praia de Coroso ás catro e media da tarde.

O percorrido acordado pola organización nesta ocasión foi longo.Despois da saída as embarcacións deberían pasar polo faro de Lajareu,o sinal de Camouco, dar a volta por detrás das Illas Airoas, pararegresar á Praia de Coroso.
Momentos antes da saída pensouse que oforte vento de compoñente sudoeste facilitaba unha regatarelativamente rápida, mais non se contou ca forte marusía que sehabían encontrar os regatistas á altura das Airoas.

A organización do club impuxo como norma de obrigado cumprimento retrasar o pau ao máximo coma medida de seguridade. No momento da saída, a maioría das embarcacións elixiron un bordo proa ao medio da Ría, e tan só catro dornas decidiron tomar o rumbo contrario. Isto provocou algunha que outra abordaxe, como foi o caso da Vikinga (de Fernando e Xoán), dando un importante golpe á Papoula de Carlos e Andrés, sen danos materiais de importancia.

Xa á altura do faro Lajareu (primeiro paso obrigado), a Volandeira, despois de facer unha extraordinaria saída, pasaría no primeiro lugar, e seguidos moi de perto pola Vikinga e a Ardentía. No seguinte paso (faro Camouco), a Volandeira perdería parte desa vantaxe despois de sufrir un contratempo ca vara de portar, e aínda que non botaron moito tempo en emendalo, cederon varias posicións que xa non volverían a recuperar. De aí ata As Airoas (último paso obrigado), as fortes ondas e o intenso vento serían os protagonistas , obrigando aos regatistas a empregarse a fondo.

Neste esixente tramo en bolina a Jolfiña de Nacho e Alberto rompeu o pau en segunda regata consecutiva, véndose obrigados a abandonar sen chegar a metade do percorrido. Tamén á Maristela de Vilanova lle foi imposible continuar debido ao grande esforzo esixido neste tramo. A Rabuda sería a terceira en abandonar.


A primeira na orde de paso á altura das Airoas sería a Vikinga, con moitos problemas no rumbo de popa cara a chegada, mesmo tendo que parar a coller rizos. Os seguintes serían Adelino e Agustín coa Áncora, que despois de ter unha mala saída conseguiron remontar uns cuantos postos. Moi preto por detrás pasaría a Papoula, a cal tamén conseguiría unha grade remontada, e de seguido a máis distancia pasarían a Volandeira, a Sandra, Ardentía, Xaimiña, Puñetera, e a Xarda.

Destacar a grande regata que fixeron Luisa e Carla, tripulantes da Xarda, con moitos problemas a bordo, sen ter a dorna aínda ben arranxada e sendo a segunda regata que fan xuntas, foron quen de manter o ritmo do grupo.

Calsificación da 2º Regata: 1.- Vikinga, 2.- Áncora, 3.- Papoula, 4.-Volandeira, 5.- Ardentía, 6.- Sandra, 7.- Puñetera, 8.- Xaimiña, 9.- Breogan, e empatadas en 10 posto: Jolfiña, Maristela e Rabuda II

Clasificación Xeral: 1.- Áncora, 2.- Vikinga,3.- Papoula, 4.-Ardentía, 5.- Volandeira, 6.- Sandra, 7.- Jolfiña, 8.- Puñetera, 9.- Lusiña, 10.- Xaimiña, 11.- Breogán, 12.- Rabuda II, 13.- Maristela, 14.- Tixosa e Praia das Carolinas (empatadas a puntos)

Esta é a reseña da regata na Voz de Galicia.

15/04/2010

PRIMEIRA REGATA DE PRIMAVERA DE DORNAS A VELA

Comeza o Campeonato de Primavera de Dornas a vela.

Con unhas condicións de vento inmellorabeis, e nunha tarde autenticamente primaveral, o pasado sábado às 16.30 horas deuse a saída a esta nova edición.

Só 13 dos 15 participantes que tomaron a saída , conseguirían chegar à meta. nunha tarde cargada de incidentes. Duas das embarcacións, a “Praia das Carolinas” e a “Jolfiña”, romperon o pau. A primeira tivo que ser asistida pola lancha de salvamento marítimo e rebocada ata terra desde as Airoas, onde tivo lugar o percance. No caso da segunda, con unha rotura parcial, sorprenderon todos acadando a primeira posición, con maior mérito para os tripulantes de Palmeira, Alberto e Nacho.

A dorna “Rabuda”, rebasando a linea de chegada, sufriu unha grande orzada por causa dun forte refacho de vento, chegando a afundir a vela na auga totalmente. A rápida reacción dos tripulantes santiagueses fixo que solventasen o percance, recupernado a embarcación, e permitindolhes continuar ata o final.

A “ Ardentía” tamén sufriría a rotura da cana, sen que esto lle impedira entrar polos seus propios medios, facendo un extraordinario cuarto posto.

Outras embarcacións tiveron que parar na metade da competición a meter un rizo à vela debido ao forte vento que había nas inmediacións da bahía de coroso.

Claudio, o Patrón da “Maristela” (dorna de Vilanova), un dos mais coñecidos e expertos mariñeiros da Ria de Arousa, tamén sufriu as consecuencias das duras condicións nas inmediacións da chegada. No momento de facer un cambio de bordo escapouselle a escota da man, impactando contra o antebrazo, o que lle provocou unha ferida considerable. Tardaralle semanas en desaparecer a marca producida pola escota.


A clasificación de esta 1ª manga fica da seguinte maneira.:

1-Jolfiña

2-Lusiña

3-Áncora

4-Ardentía

5-Papoula

6-Vikinga

7-Sandra

8-Volandeira

9-Puñetera

10-Rabuda

11-Maristela

12-Xaimiña

13-Breogán

Tixosa (non clasificada por non pasar baliza de chegada)

Praia das Carolinas (non clasificada por rotura de pau)

A próxima cita está fixada para o sábado día 24 de Abril às 16.30 horas. A saída darase, coma sempre, na bahía de Coroso

09/04/2010

REGATA DE PRIMAVERA 2010

Boas a todos, un pouco xusto de tempo para facer a divulgación pero aquí vai. Comeza a Regata de Primavera 2010 e como xa temos por costume, publicamos o Anuncio de Regata que rexirá a competición.

Como xa fixemos na Regata de Inverno, logo de cada proba seguiremos a participar nas charlas divulgativas sobre as regras de regatas a vela que con tanta paciencia nos expón o noso Xuiz de Regata José María, laboura que hai que agradecerlle. Salientar tamén a grande participación e a boa aceptación da iniciativa, xa que nesa hora que estamos frente á pizarra cun caso practico, cunha regra do Regulamento ou expoñendo unha abordaxe que nos aconteceu no mar ese dia estamos a mellorar a nosa condición de mariñeiros e compañeiros que somos.

Tamén foi boa iniciativa esa de facer un pincho logo das clases, espero que se manteña ;-)
 
Unha aperta e boa navegación.
Marcos


Anuncio Regata de Primavera 2010

29/03/2010

FINALIZOU EN RIBEIRA O CAMPIONATO DE INVERNO DE DORNAS A VELA. 2010


Sen dúbida, esta última regata foi a mais aberta e disputada de todas as celebradas este ano e, con diferenza, a mais longa , cunhas condicions envidiabeis para calquer amante de este deporte.
Cun ceo completamente encapotado e amenazando chuvia. Cunha temperatura ambiente que rondaba os 15 graos, e un vento moi estable de compoñente suroeste, que durante toda a tarde sopraría con unha forza de entre 15 é 18 nós, celebrouse, nas inmediacions de Ribeira, a última e definitiva manga das catro de que consta este campeonato.
A proba tivo un percorrido moi novedoso, partindo perto da Illa dos Ratos proa ao interior do porto de Ribeira, onde se situaba o primeiro paso obrigado.
Esta saida obrigou as embarcacions a percorrer en paralelo toda a praia de Coroso, ofrecendo un espectáculo realmente admirable. Na virada desta primeira boia, a Lusiña pasaría no primeiro lugar, sacando unha pequena diferenza á Ardentía, ambas de Palmeira, e seguidas a pouca distancia pola Áncora (de Ribeira). Estas tres primeiras dornas mantiveron os primeiros postos deica o final da proba. O resto das embarcacions seguíronas moi perto e agrupadas proa ao sinal do “Camouco”. Era este o segundo paso obligado, e a tal altura, a orde das embarcacións mantíñase igual que na primeira boia.
O terceiro e último paso a virar serían as Illas Airoas . O tramo até elas resultou ser o mais longo e dificultoso, co vento e o mar sempre pola proa . Esto obrigou todas as dornas a bolinar o máximo, alternando bordos a terra e ao meio da Ría , onde o mar de fondo se deixou sentir notablemente.
O mais destacable deste percorrido foi a vantaxe que a Ardentía, de Xosé María e Gondomar, logrou quitar a todas as demais embarcacións . Esta dorna foi a única en escoller un só bordo até o meio da Ria, chegando de primeira ás Airoas. En segundo lugar pasaría a Áncora, e a pouca distancia, a Vikinga. En cuarto e quinto posto respectivamente pasarían a Lusiña e a Sandra .
Deste punto até a chegada, as embarcacions menteríanse na mesma orde, pois o vento de popa reinante neste último tramo non permitiu mudanzas na clasificación até a entrada na meta.
É de salientar o limitado número de embarcacións que tomaron a saida nesta última proba, unicamente dez, o que fixo desta regata a menos participativa deste ano. Esto puido ser debido a que, desde a madrugada do xoves e até bén entrada a mañá do mesmo sábado, as costas galegas estiveron baixo alerta laranxa por fortes ventos , que chegarían a superar os 80 km/hora, obrigando a maioria da flota pesqueira das Rías Baixas a permanecer amarrada durante eses días.
Esta situación determinou que a organización dilatase até a última hora a decisión de realizar ou suspender a proba, e influiu nalgúns regatistas non residentes na contorna, que optaron por non comparecer ante a incerteza respeito da celebración xerada pola alerta meteorolóxica.

A clasificación da 4ª regata ficaria da seguinte forma.:
1-Ardentía, 2-Áncora, 3-Vikinga, 4-Lusiña, 5-Sandra, 6-Xaimiña, 7-Tixosa, 8-Moura 9-Jolfiña, 10-Rabuda
A clasificación xeral fica da seguinte maneira.:
1-Áncora, 2-Lusiña, 3-Vikinga, 4-Ardentía, 5-Sandra, 6-Tixosa ( empatada a puntos coa Sandra), 7-Rabuda, 8-Moura, 9-Xaimiña, 10-Jolfiña, 11-Volandeira, 12-Praia das Carolinas, 13-Zoa, 14-Puñetera, 15-Maristela, 16-Papoula
O próximo sábado día 10 de Abril ás 16,30 horas comezará, na praia de Coroso en Ribeira, a primeira das catro regatas de que consta o Trofeo de Primavera, que se celebarará durante os meses de Abril e Maio

22/03/2010

3ª PROBA DA REGATA DE INVERNO DE DORNAS A VELA


A falta dunha manga para a finalización deste campionato, celebrouse este sábado día 20 de Marzo unha nova proba. Aínda co tempo medio revolto, e sen garantías de poder acabar a proba, xa que os ventos o día anterior pola tarde e durante toda a madrugada do sábado soprarían con moitísima forza ,chegando a rebasar mesmo os 30 nós ( forza 7). Tampouco deu tregua a auga, que non cesaría ata minutos antes de comenar a proba.A cuarta e última proba deste campionato de inverno, celebrarase o próximo sábado día 27 de marzo no lugar habitual da praia de Coroso ás 4 da tarde. Ó finalizar farase cómputo das mangas celebradas ata agora e procederase a entrega de premios deste novo campionato.
Nesta ocasión serían trece as embarcacións que tomarían a saída. Con un vento bastante aceptable que rondaba os 10 nós, e con un ceo que ameazaba auga constantemente, pero que ata o final respetaría os participantes chegando a ser a temperatura ambiente mesmo moi agradable.
Desde a saída , que tivo lugar moi perto do Clube Náutico, as embarcacións chegarían ata a “Illa de Rúa” (primeiro paso obrigado) moi agrupadas, sempre con un vento de popa, só quedaría descolgada a “Praia das Carolinas” de Frank e Agustín Ribeira), xa que chegaron ao lugar da saída con uns minutos de retraso, e iso impediríalles remontar nen tan sequer unha posición ata o final da proba.
Xa virando esta “ Illa” , as dornas comezarían a tomar cada unha un rumbo diferente cara a meta. Sempre con un vento de proa que as obrigaba a zizaguear, facendo desta regata a mais aberta de todas as celebradas ata agora, e ao tempo a mais disputada ata o final.
No momento de virar “Rúa “ cara terra , máis dunha embarcación veuse involucrada en colisións, sobre todo á hora de facer os cambios de rumbo, como foi o caso da “Ardentía” (de Palmeira) e a “ vikinga” (de Ribeira) para as que a abordaxe acabaría sen máis consecuencias que a penalización dunha viraxe de 360 graos que o xuíz Xosé María obrigaría a facer aos de Palmeira.
O máis destacado deste bordo a bolina, da viraxe de “Rúa“ ata a chegada, foi o primeiro posto conseguido pola “Áncora “, que novamente sorprendería todos, e de esta forma deixa case sentenciada a clasificación xeral ao seu favor a falta dunha manga.
Seguiria-a moi de perto, e durante todo o percorrido, a dorna dos vigueses Ramón e Luisa, sendo esta última quem patroneaba a embarcación a “Puñetera” , demostrando con a súa habilidade que este deporte non só é de homes. Seguiria-a, na 3ª posición a “Sandra” (Palmeira) de Xose Antonio e Ignacio. Os seguintes entrarían neste orden: Rabuda, Lusiña, Vikinga, Tixosa, Jolfiña, Moura, Xaimiña, Ardentía, Volandeira, e Praia das Carolinas.
Así, a clasificación provisional é a seguinte:


17/03/2010

BONITA, BONITA


Aquí a tedes: a "Rabuda" no cartaz da Regata do Marisco 2009. ¿A que non a virades? tan chula ela!. Igual non queda de primeira na regata (todo se andará, que este ano vai que mete medo), pero a bonita non hai quen lle gane; e José tan ben sentado na regala e tan mariñeiro él coa sua gorra de patrón (eses aires son de familia)... e o Santi, como se levara toda a vida soleándose enriba da tilla!
Hai que pintar unha estampa así para sair nos cartazes!
Un saudo aos Amigos da Dorna Meca e parabéns polo bo gusto.

10/03/2010

REGATA DE INVERNO. SEGUNDA MANGA

Aquí está a crónica da segunda regata do Trofeo de Inverno elaborada unha vez máis por Fernando, da "Vikinga".

O sábado pasado día 6 de Marzo as catro da tarde douse a saída á
segunda regata nas inmediacións da Praia de Coroso, en Ribeira.

Dos 17 inscritos, so trece tomaron a saída. Cunha leve brisa do
nordeste, partiron as embarcacións cara ao primeiro paso, as Illas
Airoas, onde cabe resaltar a gran remontada que fixo a dorna
“Sandra” do palmeirán Xosé Antonio, e o asturiano Ignacio, que
despois de saír no o último posto chegou entre os primeiros a altura
das Airoas, xunto ca “Tixosa” (de Ribeira), e a “Rabuda” dos
santiagueses Xosé e Santi. Dende aí ata o seguinte paso, a Áncora (de
Ribeira) situaríase no primeiro posto sen abandonalo ata o sinal do
Camouco, seguida moi preto pola Rabuda e a Tixosa. E co resto das
embarcacións a pouca distancia.

Dende aí e ata a chegada, na Badía de Coroso, a falta de vento sería
a protagonista da proba, xa que unha grande encalmada situada en case
toda a zona, ía obrigar ao xuíz a suspender a proba.

As únicas embarcacións que entraron na meta foron --despois de pasar
de últimas o sinal do Camouco-- a “Moura” e a “Vikinga”, aínda que xa
coa regata suspendida.

O Regulamento establece que, pasadas tres horas desde que se da a
saída, se ningunha embarcación, entrase na meta, o xuíz de regata
suspenderá a proba; como así sucedeu.

A clasificación séguese mantendo igual que a primeira manga, agás no
que se refire as embarcacións que non tomaron a saída na primeira ou
segunda proba:
1- Áncora
2- Ardentía
3- Lusiña
4- Vikinga
5- Tixosa
6- Volandeira
7- Rabuda
8- Puñetera
9- Moura
10- Sandra
11- Xaimiña
12- Zoa
13- Praia das Carolinas
14- Papoula
15- Maristela
16- Jolfiña

A terceira proba das catro que integran este Campionato de Inverno,
celebrárase o próximo sábado día 20 de Marzo ás catro da tarde, tendo
lugar a saída nas inmediacións da Praia de Coroso. O Comité de
Regatas decidirá o percorrido nesa mesma data en función condicións
climatolóxicas.

05/03/2010

14ª REGATA DE INVERNO

Fernado Redondo, patrón da "Vikinga", envíanos esta crónica da primeira proba da Regata de Inverno. As fotos son de José Manuel, de Vigo.














O pasado sábado día 20 comezou unha nova edición do Trofeo de Inverno de dornas a vela, embarcacions emblemáticas e con gran arraigo na Ria de Arousa.

Organizado un ano máis polo Clube Lajareu por Barlovento de Ribeira, celebrouse a primeira das catro regatas de que consta o campeonato que, como xa e habitual, iníciase na segunda quincena de febreiro .

A saida tivo lugar ás catro da tarde nas inmediacions da praia de Coroso baixo condicions metereolóxicas duras, tanto de vento -de compoñente Sur e con rachas que chegaron a rebasar os 20 nós- como de mar de fondo, chegando as ondas a alcanzar o metro e medio de altura.


A organización veuse obrigada a impoñer, como medidas de seguridade extraordinarias, un rizo na vela e o pau retrasado (na pica do medio), o que non evitou que varias dornas pasaran apuros na altura da Illa dos Ratos, por mor das ondas de considerable altura que rompían na aleta esixindo unha elevada concentración ás tripulacións.







Foi nese punto onde a dorna “Papoula” deu quilla arriba tras unha grande escorada, despois de rompérselle a vara de portar e quedar atravesada ao mar, tendo que ser auxiliada por unha das embarcacións da organización sen mais consecuencias.



Dende a saida, e sempre co vento de proa ata o o faro “Lajareu” -primeiro paso obrigado- , a “ Lusiña” impuxo un forte ritmo na bolina, chegando a pasar o sinal en primeiro lugar, seguida moi de perto pola “Áncora” e a “Ardentía”.


Mantivéronse estas posicións ata o seguinte paso, a Illa dos Ratos, onde a “Ardentía”, conseguiría situarse de primeira tras rebasar a Áncora.
A partir deste segundo e derradeiro paso obrigado, e ata a liña de chegada -nas inmediacións do porto deportivo- o vento seguiría acaparando gran parte do protagonismo pola sua forza crecente.




Sería neste último bordo onde a ribeirana “Áncora”, de Adelino e Agustín , tomaría a dianteira ata a meta, ainda que seguida a distancia moi curta pola “Ardentia” e a “Luisiña”( ambas de Palmeira).


Por detrás e a certa distancia, disputandose a cuarta e quinta posición, entraron a “Vikinga” e a Tixosa, seguidas pola “Volandeira”, a “Zoa” e a “Rabuda”..

Cabe destacar a participación de dous novos regatistas chegados dende Caldas de Reis , Tito e Oscar, que se suman aos integrantes doutras embarcacions que ano tras ano se achegan dende Vigo, Santiago ou Pontevedra.




A clasificación final quedou da seguinte maneira:
1 Áncora
2 Ardentia
3 Luisiña
4 Vikinga
5 Tixosa
6 Volandeira
7 Zoa
8 Rabuda
9 Puñetera
10 Moura
11 Praia das carolinas
12 Sandra
13 Xaimiña
14 Papuola (que non clasificou )
Podedes ver óutra versión desta crónica en La Voz de Galicia: http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2010/03/02/0003_8327484.htm
A próxima regata será ó día 6 de Marzo as 4 da tarde no mesmo lugar, sempre que as condicións do tempo e o mar o permitan.