30/06/2009

A RUTA DAS DORNAS


Este sábado, dia 4 de Xuño, o Lajareu proponse recuperar e poñer en valor un elemento fundamental do patrimonio mariñeiro inmaterial de Riveira: a ruta de verán das dornas.
Como moitos saberedes, antes da chegada dos motores foraborda nos anos sesenta, o traballo no mar planificábase en función do vento. No verán, na nosa área, os ventos reinantes son o Nordestiño pola mañá, que cae cara o medio dia; e o Noroeste pola tarde, que empeza entrar na Ria ás tres e media ou catro, e que aquí chamamos de San Alberte porque ven xusto desta ermida.

Con este réxime, aos mariñeiros de Riveira, no verán, quedáballes mallado sair cara a Louro e Fisterra. Sair moi de mañanciña que sempre hai unha veliña de vento para sacarche da Ria, inda que logo se quede calmo. E aproveitar que por fora, na costa, sempre hai algo de vento para chegar a Corrubedo, e logo coller o Noroeste, que entra ás tres, para poñer proa a Monte Louro ou a Fisterra, donde sempre houbo peixe.
Esta era a ruta de verán das dornas de Riveira: as grandes xeiteiras, as do palangre, as pescadoras e as trasmalleiras, porque en Riveira se traballaba nas dornas a todos os oficios. Quedaban na Ria as pequenas polveiras de sete cuartas que neste entorno, e ata Aguiño e Sálvora xa había polbos.

E así ían todos, a velear, debuxando unha estampa preciosa na Ría e na costa que xa so lembran os vellos. Botaban máis ou menos dias fora en función do oficio e da pesca. Para volver había que aproveitar o San Alberte da tarde. Se che collía Nordeste víñache de proa e había que bolinar duro, e, segundo a marea, remontar a enxurrada que che bota para fora. Por eso as dornas e Riveira bolinaban tanto e "de Riveira sairon os mellores mariñeiros", que ata o orgullo local está cheo de nostalxia...
Chegaron os motores e todo esto desapareceu. A recuperación da vela tradicional para lecer ten a Ria toda para sí (esto é literal, e moitos sábados e domingos preciosos, salvo os do verán, non hai na Ria máis velas que as das dornas) e non precisou de grandes aventuras fora da Ría, exceptuando memorables escapadas a Ons ou mesmo a Corrubedo. Pero, como di o noso querido Stafän Morling, aquí ainda estamos a tempo de manter viva a nosa cultura e o noso patrimonio, porque mentres que estean vivos os seus protagonistas e haia quen teña a vontade de escoitalos, aprender deles, e poñer en práctica o seu inxente acerbo, o patrimonio non morre nen queda para os museos.

Esta de ir Muros seguindo a ruta de verán é unha idea que vimos roendo de longo no Lajareu. Cando empecei eu nisto hai oito anos, xa a escoitei dos compañeiros nas veladas despois dos dias mar e sol: "Había que ir a Muros,! como facían os mariñeros de aquí: No veran saían cara a Muros e Fisterra cos ventos dominantes... e eso é o tiñamos que facer nos". Porque as dornas son algo máis que un motón de taboas ben armadas (preciosamente, marabillosamente armadas...) e son máis que a técnica de navegar nelas. Son todo un mundo que vivía e ainda vive en torno da embarcación, do traballo nela, do xeito de vida a través dela, que se identifica con ela. E como parte dese mundo están as rutas construidas ao longo de séculos de experiencia coñecemento e vida no mar.

O Encontro de Muros foi para ns como un caldeiro de auga fresca (salada) que che desperta do sopor ou da resaca. Nos TEMOS que ir a Muros por mar, seguindo a ruta das dornas. ¿Cómo se non? ¿Cando se non?.

Así que xa o sabedes, sábado á mañanciña, co nordestiño do lusco, saimos de Riveira, para estar fora da Ria antes das once. Así, ainda que caia o vento, na costa sempre queda algo para chegar á punta de Corrubedo, e logo co Noroeste PROA A MUROS. As velas das dornas de Riveira vólvense a recortar no perfil mítico do Monte Louro...

23/06/2009

Regatas de verán do Lajareu




Ola a todos, esta é a convocatoria da XII Regata da Dorna que se celebrará este verán. Logo do parentesis que tivemos o ano pasado voltase a poñer en xogo a Dorna de Prata o día 25 de xullo.

Leede con atencion o texto do Anuncio de Regata porque o Lajareu co seu animo de imprimirlle o máximo nivel ás competicións deportivas da un paso mais na aplicación do Regulamento das regatas co obxecto de acadar o maior rigor, seguridade e condicións de igualdade entre todos os participantes que dignifique e poña en valor a navegación tradicional deportiva.

Así que vos invitamos e animamos a participar dun día mais de mariñeiría, compañeirismo e deportividade.

Tamén vos confirmamos que a regata Lajareu celebrarase este ano o 5 de setembro.
Unha aperta e bo vento.

PROGRAMA DOS ENCONTROS

Ola a todos:
Xa está a disposición o programa do Encontro de embarcacións tradicionáis na Web do Encontro.
Estudialo ben e planificade as vosas xornadas porque a verdade é que non ten desperdicio.
http://www.mardemuros.com/programa/programa_resumen.pdf
E xa sabedes: "PROA A MUROS"

Unha aperta. Suso

14/06/2009

Yucatán e Guatemala

Lago Petén Itza. Guatemala

O dito: estamos no refacho, e como pega. Volvemos meter a proa ao vento e a largar unha nova entrada, inspirada,unha vez máis, polo magnífico Blog "El mar es el camí" (O mar é o camiño) do noso Joan Sol, que teremos o gusto de ter con nos en Muros. Nn esaxero se digo que falamos, seguramente, do mellor blog de barcos e mar do Estado (e parte do extranxeiro), que vos recomendo vivamente.

Peirao en Sian Kahn, Yucatan.México

Nunha das últimas entradas, Joan falaba da sua colección de miniaturas de embarcacións do mundo, e deixando unha dorna e unha gamela, fixeime nuhas barquiñas de rio de Guatemala que rápidamente identifiquéi.

Cañón del Sumidero. Chiapas. México

Así que, dende o outro Finisterre da Península, acometo a miña modesta contribución á entrada de "El mar es el camí", porque Ingrid e mais eu tivemos a sorte de facer unha viaxe, no outono de 2006, pola parte de Yucatán, Palenque, Chiapas e Guatemala, movéndonos pola nosa conta en transportes públicos, marabillados do que alí puidemos ver.

Selva e pirámides maias de Tikal.Guatemala.

O Caribe, o bosque de manglar, a selva tropical, os altos, o inmenso patrimonio cultural maia, a arquitectura colonial, os xeitos de vida ancestráis e, por todas partes unha natureza vizosa envolvendo todo.
Templos maias na selva. Palenque.México

Con respecto ao patrimonio fluvial, puidemos ver e navegar a bordo dunha das embarcacións que mostra Joan en miniatura, na sua páxina, concretamente no Rio Usumacinta, que fai frontera entre México e Guatemala en plena Selva. Deste tipo puiden fotografar diversas variedades, máis que nada diferenciadas pola disposición do teito vexetal. Rio Usumacinta.Fronteira México-Guatemala

Son embarcacións de fodo plano, de moita eslora e moi pouca manga de construción moi sólida, magníficamene adaptadas as correntes e enxurradas deste rio. Veira do Rio usumacinta. México
Nunha das ocasións navigamos nunha chea de turistas e coa carga moi mal estivada na proa. Mentres un lugareño patroneaba o potente motor Yamaha, un compañeiro, encaramado na proa, facíalle indicacións coa man a babor e estribor para esquivar rápidos e remolinos.
Rio Usumacinta. Fronteira México-Guatemala.
Había mesmo remolinos xurdían do fondo cara á superficie, e a embarcación escoraba precupantemente, sobre todo tendo en conta a fauna fluvial.
Rio Usumacinta. Fronteira México-Guatemala

Outro día, navigamos rio arriba cara ao territorio dos Lacandones, menos frecuentado, nuha embarcación que alugamos xunto cunha parella que coñecimos na ruta. Entón puidemos comprobar a axilidade e adaptación destas barcas ao medio correctamente cargadas e estivadas.
Veira do Lago Petén Itza. Flores.Guatemala

O outro tipo pressentado por Joan corresponde bastante ben coas que fotografamos no Lago de Petén Itzá, xa en Guatemala. Tal e como comenta Joan, parece que as máis vellas eran auténticas monoxilas, canoas dunha peza excabadas nun tronco de árbore. Vimos algunas, fora de servicio, utilizadas como xardiñeiras, ou como decoración.
Veira do Lago Petén Itza. Flores.Guatemala.

A maioría das observadas no logo eran feitas de tablóns clavados, tal como ocorre coas ancestráis barcas de dornas do Miño. especie de catamárán feito con dous cascos deste tipo. Por certo que a propia etimoloxía de dorna, fai referencia, precisamente a esa forma de madera vaciada, como recipiente, artesa ou embarcación.
Veira do Lago Petén. Flores.Guatemala.

E finalmene comprobamos a persistencia do tipo orixinado movido con pértigas ou pá, por parte da población autóctona, como se ve na foto que abre esta entrada.


Unha aperta a todos e especialmente ao noso Charli.
E para todos: facede algún comentario és entradas, que se vexa que nos leedes. Debemos ser o único blogg mariñeiro que non ren cmentarios...


10/06/2009

Miguel e a Moura en Salitre

Hola outra vez.

Como vedes as miñas intervencións no blog van como o vento de San Alberte: a refachos. Parece que a cousa calmara, pero agora estamos no medio do refacho, e coa proa a Muros, cousa difícil saindo de Riveira e ventando de San Alberte, que é o Noroeste.

Pois aproveitando o refacho metemos un poquiño de proa ao vento e botamos esta nova entrada como quen bota o curricán pola popa, na estela da anterior.

E é nada mais e nada menos para contarvos que no último "Salitre", o programa da Galega que vai recalando nos portos do país, entrevistaron ao noso Miguel, de Sada, que na sua modestia e altura de miras, aproveitou a entrevista, non para falar da sua Asociación, a recentemente fundada "Os Patexeiros", senon para contar das moitas que levamos adiante a recuperación e mantemento das Embarcacións Tradicionáis dende diversas perspectivas, como no noso caso o deporte, e mesmo aportou ao programa, ente outras, unha foto da nosa querida Moura en Brest, para que a puxeran mestres falaba, en vez de chupar cámara e botarse flores, como farían moitos.

Pois moitas gracias Miguel, pola alusión, pola foto e polo voso traballo. Ahí vos vai o enlace: http://www.crtvg.es/TVG/acarta.asp

Alí poñedes Salitre, e darávos a escoller os programas de varios portos. Pinchades no Sada e ahí vos sae. (Hai que esperar un cachiño para ver a Miguel).

Máis sobre os Patexeiros en


Unha aperta Suso

09/06/2009

PROA A MUROS!

Hoxe Presentáronse no Museo do Pobo Galego os IX Encontros de Embarcacións Tradicionáis de Galicia, Muros 2009.
Coa presenza de Victor (de Bouzas), novo Presidente da FGCMF, que moderou e presentou, Manuel Sendón (de Muros), Presidentre da Comisión organizadora dos Encontros, Pablo Carrera (director do Museo do Pobo Galego) er epresentación das Administracións patrocinadoras do evento (Xunta, Deputación e Concello), tocouse simbólicamete a buguina que nos chama, ás xentes das embarcacións tradicionáis, para poñer xa proa a Muros.

Estes Encontros prometen superar e millorar o visto ata agora, fundamentalmente pola beleza do seu marco, a vila mariñeira de Muros e o seu entorno, e pola implicación das suas xentes, asociacións e administracións, que convertirán á vila enteira, neses dias, en sede e localización dos actos que integran o seu extenso e intenso programa.

Como sabedes o Lajareu ten pensado, se o mar e tempo o permiten, acodir por mar, recuperando, como unha actividade máis que aportar ao Encontro, a Ruta de Verán das Dornas de Riveira, elemento patrimonial inmaterial de enorme valor e de singular atractivo para todos nos: ¡Mira que levamos anos dicindo de ir! Pois esta é a ocasión.

Desde a dirección do Encontro, que leva feito un traballo longo e duro para chegar ata aquí, pídennos que nos inscribamos canto antes. Este ano asignaránse plazas de amarre fixas ás embarcacións agrupadas por tipoloxías, así que, se queredes un sitio bonito xunto coas outras dornas, facede a inscripición canto antes. Ademáis, os organizadores precisan facer unha estimación de cantos imos ir, para darnos de comer ben e axiña. Pensade que pode variar moito o número de persoas, así que, botade todos unha man facendo xa inscripción para que conten con nos. Ainda que na folla de inscripción fálase de tripulantes, debedes incribir, coa vosa embarcación, ás persoas que vaian ir con vos máis dun día ou dous e queirades que coman na carpa dos mariñeiros. Costa 20 euros e danche xantar e cea 4 dias. Pensade que eses dias en Muros haberá miles de persoas e vai ser ben difícil atopar onde comer. Para invitados dun dia sempre temos a "taberna mariñeira", nunha carpa anexa ao noso comedor donde se poderán mercar racións e bebidas. Pois o dito: proa a Muros e apuntarse xa: http://www.mardemuros.com/index.html