18 de xuño de 2008

Regata Fasquía



O pasado sábado 7 de xullo celebrouse na Illa de Arousa a Regata Fasquía. Do Lajareu acodiron tres dornas cruzando a ría con ventos de 16 nudos. A Vikinga e a Cachi bolinaron a rabiar ata as bateas da Illa e chegaron as primeiras tras un par de bordos para salvar o Campelo. A Moura, cun rizo, optou polo bordo de terra cara a Palmeira, e pasar a Ria nunha soa bolina máis cómoda incorporándose á regata coas pitadas xa dadas. A regata foi espectacular, con vento de Norte entre doce e catorce nudos, e moi ben organizada en canto a administración e lanchas de apoio. Mágoa da primeira boia moi próxima á punta do espigón, que se ben achegou a o fragor da competición ao público alí congregado, ocasionou unha abordaxe múltiple entre cinco ou seis dornas que competían por pasala. Este embotellamento obligou aos da Cachi a unha manobra moi forzada e repentina que botou a Juan pola borda. A presencia de ánimo e aptitudes mariñeiras dos Suárez fixéronos recuperarse axilmente do trance e acadar un dignísimo 14º posto. Santi Mougán mándanos esta magnífica foto da reluciente Cachi con remos e estrinque e os seus tripulantes perfectamente equipados, como debe ser.
Pero, como xa se sabe, a ría revolta gañancia de mariñeiros, e a Moura, levemente rezagada pola sua incorporación tardía á saida, foi quen de apartarse da "melé", e safar limpamente situandose nunha posición de avantaxe que mantivo nas duas voltas acadando un 9º posto . Tamén a Vikinga fixo unha excelente regata, mantendose na proa da Cachi ata chegar no posto nº 13.
Aquí podedes ver unha reportaxe da regata elaborada pola TVG:
http://www.crtvg.es/TVGacarta/?prog=15
E aquí unha crónica escrita da regata.
http://www.lavozdegalicia.es/arousa/2008/06/08/0003_6887225.htm?idioma=galego
Unha aperta a todos. Vémonos na próxima.
Suso