19/02/2006

A Lareira: Fabada Asturiana a la Palmeirana

Dicíalle este día ó meu amigo Charly que lle ía dedicar unha receita a el e mais a súa Manola. Non sei se é un prato moi mariñeiro pero que queredes que vos diga: nun día de vendaval coa choiva petando nos cristais e as dornas ben amarradas no jalpón hai poucos pratos tan exquisitos e básicos coma a señora Fabada Asturiana. (O noso cocido non se queda atrás, por suposto, pero como Charly e Manola están na terra da sidra dedícolles este bo xantar.)

Eu prepároa así, á Palmeirana:

Ingredientes

½ kg. de fabas (que xa levan de mollo dende a noite anterior)
1 cebola (picada en dous ou tres anacos)
2 allos enteiros
½ tomate maduro

250 gramos
de touciño (poñédeo de mollo a note anterior)
200 gramos
de lacón (de mollo)
1 chourizo
1 morcilla
Un chorriño de aceite de oliva virxe extra (só unhas gotas para mollar a sentina)
Un chisco de azafrán (para que colla coloriño palmeirán)
Sal (a modiño e despois de probar como vai indo por mor do sal que poida ter o lacón e o touciño)

Este debe ser un dos pratos máis fáciles de preparar e máis exquisitos de saborear. E tende conta que na fabada asturiana tradicional, chámeselle verdadeira, tamén lle botan un óso de xamón e unha orella ou rabo de porco. Cos ingredientes darriba comemos cinco na nosa casa (dous son nenos) porque na verdadeira cargan a man cos chourizos e ca morcilla. Ata lle votan tres ou catro de cada. Como para ir de regata despois de tal enchente. E din eles todos cheos de razón:

Los asturianos estamos orgullosos de este ciclópeo alimento que caracteriza la mesa de nuestra tierra, y miramos por encima del hombro esas futesas que se llaman gazpacho, cocido, paella, migas, etc., teniéndolas por cosa aérea, propia de filósofos, pero no de gente de cogote lustroso y sanguíneo, con los pies bien hincados en la tierra. [Antón Rubín, La Fabada].


A miña é máis suaviña, palmeirana, vamos. Iso si, sexa como sexa, a fabada require certa paciencia. Eu empezo votando o chorriño de aceite na pota de barro -- para min a pota ten que ser de barro -- e logo engado todos os ingredientes empezando pola morcilla e o chourizo e rematando coa cebola e o allo. (O aceite axuda a que non se peguen as fabas na primeira fervedura.) Logo bótolle as fabas para que cubran todo e empápoas cunha auga fría ata que quede todo tapado a ras da liña de flotación.) Doulle fogo forte ata a primeira fervedura. Esto tarda uns quince minutos. Logo doulle fogo mínimo para que se vaian mesturando todos os sabores. Hai que ter coidado de que non se peguen as fabas na pota pero si se vota o chorriño de aceite case seguro que non hai problema. Agora tamén vai sendo momento para ver como vai indo de sal. Logo hai que coidar de que as fabas non queden sen auga. Se vedes que as fabas van quedando en marea seca engádeselle auga fría a modiño -- sempre con cariño -- ata que queden de novo a ras da liña de flotación.


De vez en cando un meneo á pota tampouco está demais. (Tamén é obrigatorio levantar o testo para degustar dos recendos que saen co vapor.) A min lévame unhas dúas horas facer a fabada, sempre ben acompañado dun bo Rioxa, ou como fixen desta vez cun Navarra Reserva de Mezquíriz do 2001. (Sona a moito pero só vale ? 3.99 no Lidl. Está moi bo. Tan bo e a tan bo prezo que merquei unha caixa para non quedar en seco no medio da fabada. Nunca, nunca hai que deixar que a fabada se seque.)

E non esquecer: non abusar da boa comida e do bo viño. Avisa o señor Rubín:

La fabada no permite familiaridades, ni que se la trate como cosa baladí y de poca sustancia, gustando de que se le guarde respeto y de que nadie se tome descomedimientos con ella. En este punto, es vengativa, marrullera y taimada. Los anales de nuestras casas de comidas y restaurantes están llenos de penosos y lamentables ejemplos en que el forastero, desconocedor de las terribles fuerzas nutricias que en sí encierra la fabada, se permitió con ella excesivas complacencias y libertades: la fabada puesta en pie de guerra en el confiado y cándido estómago de su abusador, ha de dar cumplida fe de su potencia, haciéndole más cauto y precavido en los sucesivos envites. [Antón Rubín]

Bo xantar.

18/02/2006

Tripulacións: Os Irmáns Cadaveira

Fotos Lajareu Feb 2006 089

Lévanse como amigos, pero certo é que teñen as súas rarezas. Son irmáns inda que non o parezca. O loiro é Xosé. Xesús é o outro. Se as imaxes valen un monte de palabras, ¿que queredes que vos diga? Aquí están xogando ó palloi. A ver quen encontra a quen. "Primeiro eu, logo ti."

Fotos Lajareu Feb 2006 092

Cousas que fan cando chove moito en Santiago...e en Santiago chove moito.

Fotos Lajareu Feb 2006 090

Curiosidades: A Boina

Fotos Lajareu Feb 2006 096

Non. Non se chama Pierre. Nin sequera é de París. Que eu saiba é de Corrubedo. Eu fun de viaxe e cheguei e atopei as cousas así. É certo, son membro da Xunta Directiva e intentamos manter un certo aire de seriedade pero que lle vamos facer....Entendo que houbo comida -- de restaurante -- e logo un que outro chopito...Deus dea saúde.

Agora ben, como entendo que hai subvencións por estudios etnográficos e antropolóxicos é significativo que non esquezamos a boina. Podedes ver como se leva sutilmente sobre dun lado. Ten un piquiño de tea no centro da testa. ¿E para que sirve ese piquiño? Penso que podemos sacar algún carto dos de Cultura se facemos un estudio sobre o piquiño da boina de Tano. Acéptanse ponencias na sede da nosa asociación cultural. (Dixen sede, non galpón, así que non vir agora preguntando onde está sita a nosa sede.) A sede vosa xa a tivéchedes no restaurante.

Os que levan boina, non sei, preocúpanme.

Regata da Dorna - Palmeira 2004

Regata da Dorna - Palmeira 2004

17/02/2006

Poesía: Aquel Mar, Aquel Home

Monet

Ben certo é que non existe unha poesía do mar. Falar dela sería como falar da poesía do monte ou da terra cha. Iso máis ben é para os catalogadores, organizadores e contables dos sentimentos desta vida. Eu prefiro a poesía sen nomes e sen mapas. Móveme tanto aquel piñeiro no monte nevado como aquel mastro nos vaivéns da calma podre. Móveme sempre aquel home que fomos nós.

Escoller, pois, algo que compartir dun tema tan esgotador como é a poesía neste noso blog presenta certos teimas de gustos contrapostos. Pero hai lugar para todo e para todos un lugar. Non falemos máis. Escoitemos. Esta nosa escolma comeza con algo do rianxeiro Manuel Antonio. Como queirades: Chamádelle poesía daquel mar.

SÓS

Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós

Roubáronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que evadeu
pola corda floxa do horizonte

Este oucéano desatracou das costas
e os ventos da Roseta
ourentáronse ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxe

Pero tamén sabemos a maniobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singladura

No cuandrante estantío das estrelas
Ficou parada esta hora:
O cadavre do Mar
Fixo do barco un cadaleito

Fume de pipa Saudade
Noite Silencio Frío
E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós.

[Do poemario De Catro A Catro, © La Voz de Galicia, S.A., 2002.]

Regatas: A Segunda de Inverno. Non hai sorte co vento



Nas últimas regatas non estamos a ter moita sorte co vento. A segunda regata fora aprazada por mor do temporal reinante do sábado, 4 de febreiro ó sábado 11.

E o día da regata parecía que tiñamos un bo tempo e un vento feitiño para navegar; pero no mediodía foi quedando o vento ata quedar en calma podre. Na foto poden ver o patrón da dorna gañadora da regata intres despois de pasar a meta. E pola cara que ten calquera diría que non puidera rematar.

Vexan como estaba o mar no intre en que chega a Sandra á liña. Alí o único que se movía eran os nervios dos participantes.

Os detalles da regata poden velas en Vieiros, Prensa de las Rías, Masmar y La Voz de Galicia.

Para mañá estaba programada a terceira das regatas de inverno, pero o Instituto Nacional de Meteoroloxía da ventos de ata 54 km por hora para mañá á tarde, e o Comité de Regatas decidiu aprazar a regata ata o día 25 de febreiro. Unha magoa.

16/02/2006

Fotografía: Dornas en Regata

Hai algunhas fotos que son verdadeiramente espectaculares. Esta é da "Forza R" na Regata da Dorna de 2003. (Tras dela a "Zenaida".) Corre o tempo que voa.

Regata da Dorna 2003 - Forza R & Zenaida

O retrato demostra que os fotógrafos tamén teñen o seu mérito. Esta, como tantas das fotos en acción das nosas regatas, está quitada da man do noso amigo Santi García, que ben podemos dicir que no é home de mar. Marease, penso, tan só mirando para a Insa da Perilla dende a súa ventá en Insuela. Pero como non sabe dicir que non metémolo abordo da planadora e deixamos que o mar faga del un pandeiro. A verdade é que ten feito uns retratos ben bos. Aquí unha pequena mostra do seu traballo. E gracias, por suposto, polo seu apoio.


Regatas: A Sandra Domina A Primeira de Inverno 2006

¿Qué vamos dicir dunha dorna tan garbosa? Algo diso do pedigree. A Sandra -- gran gañadora da primeira regata deixando a todas as outras embarcacións xogando ó dominó -- xa foi antigamente a Flecha de Sergio Triñanes, e antes tamén a Flecha de José Bermo, e inda antes a Rosiña de Santi Lado. Unha dorna que leva moito percorrido na nosa Ría. Unha clásica que demostra, pois iso, pedigree. E agora, unha vez máis, en moi boas mans.

Sandra
Foto Voz de Galicia
(José Antonio Castrelo ó temón e José Manuel Santiago coa vara de portar.)

Ver Crónica da 1ª Regata de Inverno na Voz, Masmar e Vieiros.

15/02/2006

Tripulacións: Áncora

Bueno. O Campionato de Primavera 2005 foi gañado daquel xeito. Do que lle gusta a Adelino. "Gaño cando quero. Gáñovos a todos cando quero." E gañou. Empatou a puntos ca Jolfiña e gañoulle. O sorriso do Presi dío todo. Agustín, nembargantes, atopouse cun trofeo pequeno. Non se dou conta de que o Presi non contaba con el e quería algo modesto para a Jolfa. Enhoraboa Áncora. Gañades cando queredes.

Campións Trofeo Lajareu Primavera 2005

14/02/2006

Proxecto: A Cadeira Invisible

Unha das brillantes ideas que tivo o meu fillo Alberte (7 anos) -- por que o mal das dornas na nosa casa é mal de todos -- e pensar o por que non se pode durmir comodamente nunha dorna de 9 cuartas. Pensouno un día de verán fondeados nolos dous na ensinada do Hotel Río Azor en Palmeira (por certo ó pé de grandes veleiros e motoras). "Se eles poden durmir, nós tamén." Algo de razón tiña o crío. Dende logo a posta do sol e igual para todos -- tanto da cuberta dun gran veleiro como das entrañas dunha simple dorna. Todo un minimalista este meu fillo. De aí que a tolería se lle puidera infectar ó mestre de Lajareu: o noso Presi que inda que aparenta ser moi serio ten un corazonziño que fai caso das ideas infantís. "Pois nada," dixo, "facemos a cadeira para que se quite e se poña...e a durmir."

Alberte & Adelino
O mestre e mailo crío navegando con mal tempo.


Antes había unha cadeira
Antes había unha cadeira.


101_0203
E a cadeira tería que voltar.

O Mestre
O mestre coidando segredos.

O resto queda para a imaxinación, para o bo tempo daqueles veráns.

Pensando


Proxecto: A Xaimiña II

Como aquí fanse as cousas medio ó revés non teño máis remedio que seguir co proxecto da Xaimiña de forma desorganizada. Dábame Jaime o outro día a súa cámara con fotos do proxecto rematado. Sí, a Xaimiña xa é realidade. Xa van aló moitas táboas escachadas e nervios calmados cunha Estrella fría. Pero resulta que a cámara de Jamine é un misterio. Non quer soltar as fotos da dorniña completa. Pois eu non me rendín e de casualidade encontrei os primeiros retratos do proxecto que datan de novembro do 2003. Así que aquí tedes algo de táboas e barutas daquel tempo. Ata Jaime tiña outra pinta. Esto da recuperación de embarcacións tradicionais acaba con un.

PDR_0040

¿Como se lle pegan as táboas a esto?

PDR_0034

Non é o que parece. Pensaría un: Aí están o carpinteiro e mailo o can. Pero ¿cal deles é o carpinteiro?

Copia (2) de PDR_0007

Poesía daquel xeito. Táboas dunha dorna apiques de resucitar.

PDR_0019

E mais foi capaz. Peza a peza.

Proximamente: A obra de arte completa. Lembrade que a encontrou así.

Copia de PDR_0004