28/04/2006

Regatas: Amañece na 2ª de Primavera



A Mañanciña de Andrés Novo e José Graña dou un paseo pola Ría mentres os demais aguantabamos escota ata non poder máis. Impresionante a regata dos veteranos -- dous dos mellores regatistas que coñezo. Sinceramente, cando un vai na popa de Andrés aprecia o que é unha navegación absolutamente exquisita, elegante. Vaise e vaise -- ós poucos -- cunha paciencia que non sei, que non sei como se fai. E vaise.

Mentres, Graña ten o seu ollo de aiga posto na viarada e ¡rras! ¿Como é posible que teñan máis anos e corran máis? Teñen velas nas pernas.

Coñezo moi ben a popa desa dorna. (Apiques a verás escorar nas ceñidas. ¿Segredo?) O que sabe, sabe.

Noticias da regata na Voz, Masmar.


Protestas: A Sandra vs. A Áncora

Aquí poñeremos un enlace á Decisión do Comité de Apelación que tratou a protesta presentada pola Sandra á Áncora na última regata do IX Campionato de Inverno 2006. A protesta baseouse en que a Áncora cambiou de vela en diferentes probas. É dicir, nunha regata utilizou unha vela máis pequena e en outra utilizou outra vela máis grande. Ámbalas velas cumprían co Regulamento da Clase Dorna.

Sabemos que a decisión irá aquí pero como é longa e ben razoada non sabemos se só a enlazaremos ou a poñeremos aquí en toda a súa extensión. A Decisión foi lida por Xesús Cadaveira en fronte das partes e outros participantes na sede do Club Lajareu en Ribeira o día 8 de abril de 2006.

De todas, aquí será o seu recuncho.

Editorial: Tamén é aquí onde hai que subliñar que as protestas son unha parte íntegra e necesaria das regatas. Ás veces é a única forma de saír dunha dúbida regulamentaria ou de enfrontarse á realidade dos cambios que poidan ser necesarios para que o deporte da dorna manteña coherencia e tradición. A min persoalmente desgustoume a postura dalgúns regatistas ante a protesta -- fundamentada segundo a miña forma de pensar -- como a presentou José Antonió Castrelo da Sandra. Algúns pensaron que a protesta baseábase só na envexa xa que a Sandra estaba en posición de trofeo no Campionato. Pero certo é tamén que gañando a Protesta a Sandra non gañaba o Campionato dado que a Áncora perdería un posto e a Jolfiña pasaría de segunda a primeira. Iso debe de quedar claro. As protestas son iso: protestas. Deben facerse. Punto. Os comités correspondentes decidiran quen ten a razón. E, ante todo, sexamos bos deportistas. Bos perdedores e, sobre todo, bos gañadores.

27/04/2006

Regatas: Campións de Inverno










A Áncora gañou o Campionato de Inverno dunha forma que non vin nunca: conseguiu tres primeiros postos consecutivos -- non lle quedaba marxe para facelo de outra forma -- e fíxoo. Eu nunca lle vin a ninguén facelo e, francamente, non me deixou de joder un bo cacho, porque unha vez máis facemos un segundo posto no Campionato coa Jolfiña e penso que non teremos unha mellor oportunidade ca que tivemos este ano.

Recoñecer, pois, a gran labor de Adelino Formoso e Agustín Seráns (Adelino é o da dereita e Agustín é o outro) que navegaron moi, pero que moi jarbosos. Todos sabemos que houbo unha protesta porque fixeron cambio de velas entre unha regata e outra, pero tamén sabemos que non se lle pode quitar a gloria por tecnicalismos -- ademais por unha protesta que gañaron, con apelación incluída. É dicir, gañaron dous Campionatos en un. Aplaudide mentres eu e mais Nacho vamos chorar ás Airoas. (Se vos fixades o que está a piques de tirarse pola ventá na foto é Nacho.)

(En hora boa Sandra -- José Antonio e José Manuel -- que deron moita guerra e fixeron o terceiro posto.)

Regatas: A Primeira de Primavera 2006











A Xarda na 4ª de Inverno do 2004 - ¡Mirade que calmiño o mar preto do Falante!

A "Xarda" gañou a primeira regata de primavera -- que se non o vexo non o creo -- non por que gañara a "Xarda" que xa ten ben de trofeos no faiado, se non porque xa van aló nove grandes anos de campionato entre amigos. Si señor: este xa é o IX Campionato de Primavera de Dornas a Vela que organiza Lajareu e gustaríame pensar que José Gago, patrón da Xarda leva navegado na maioría deles. Xuntouse a el nestas regatas un home novo -- Xoán Castelao -- que leva inda pouco tempo navegando na súa fermosa "María da Fonte".

Pois foiche unha regata bonita, cos seus contratempos ventosos ou mais ben pouco ventosos, que fan que as regatas non deixen de encantarnos a todos. Dicíanme José e Claudio de Vila Nova: "¡Pero se íamos nós de primeiros ata que se quedou o vento!."

"Íamos, José." "Íamos, Claudio".

Íamos.

En hora boa, Xarda. Fotofinish coa "Ardentía" e coa "Mañanciña". Precioso.

Noticas na Voz e Masmar.

03/04/2006

Campionato de Primavera

O noso calendario para o campionato de primavera ten sufrido uns pequenos asustes. A cousa vai quedar así:

  • 8/04/06 ás 16:00 Trofeo primavera 1ª
  • 22/04/0 ás 16:00 Trofeo primavera 2ª
  • 6/05/06 ás 16:00 Trofeo primavera 3ª
  • 20/05/06 ás 16:00 Trofeo primavera 4ª
  • 27/05/06 ás 16:00 Trofeo primavera 5ª
O comezo veu condicionado pola Administración, e o remate polo Trofeo Fasquia. O erro fora noso, xa que non nos decataramos cando pactáramos o calendario con as outras asociación de que a nosa última regata de primavera coincidía con a primeira do verán. Pero é que o certo o 3 de xuño aínda é primavera.

Tamén temos cambiadas as regatas dos domingos polos sábados; é que xantar ás seis da tarde é moi duro.