14/03/2006

Técnica: As Novas Tecnoloxías









Parte do problema que nos impoñen as novas tecnoloxías son as vantaxes que dan en regata. O noso Presi está a punto de roubar outro Campionato de Inverno, pero mirade todos como o fai. Así calquera.

"Oiga, si, equipo de tierra, como van las refachas por Coroso."

"Pobres, desanimadas y muy variables. Déjeselas para la Sandra que esos pican con poco viento y usted señor Presi a lo suyo: bordo de fuera."


Non hai dereito, non.

Mentres. Tomar nota do amarre necesario para cando fagades trampa coa nova tecnoloxía.

¡A ver se o vindeiro fin de semana se queda sen pilas!

06/03/2006

Regatas: A 4ª de Inverno (Contada dende a Volandeira)











Ola compañeiros, para os que non pudéchedes vir á regata do domingo vouvos contar como foi. O percorrido era saída dende a praia de Coroso, Sinal do Maño,volta a Rúa e entrada. En teoría unha ceñida, un través e despois unha empopada, pero a verdade e que tivo de todo, vento frouxo, encalmada, trancallada e todo ceñidas.

Na saída xa a Áncora colocouse na primeira posición, seguido da Sandra e das demais dornas, agás a Xarda que nun erro tomou a boia por fora, tendo que da-la volta e saír de novo, o que a atrasou ó último posto. Neses instantes ían tódalas dornas cara o Sinal do Maño, pero o vento, caprichoso (por non chamalo de outra forma) comezou a rolar obrigando ás dornas a virar cara terra a Riazor. A partir de aí tódalas dornas continuaron o rumbo por terra, agás a Xarda e a Volandeira que optaron por navegar por fóra. (Ambalasduas non tiñan nada que perder e moito que gañar).

O primeiro en virar no Sinal do Maño foi a Sandra e tódalas demais dornas de terra, menos a Lusiña que quedou totalmente descolgada. A partir de aí o vento fixo das súas, primeiro deixándonos tirados a todos. (Nós na Volandeira cambiamos a vela de banda polo mínimo seis veces e os da Lusiña, aburridos, abandonaron.) Despois empezou a soprar e tivemos que empezar a ceñir; de repente volveu a rolar e entrounos pola popa chegando nun intre a Rúa.

Unha vez que viramos Rúa chegou o inferno. O vento empezou a soprar cunha forza tremenda, pero aínda así ningunha dorna meteu rizos. A Xarda abandonou ó pouco tempo, creo que por falta de roupa axeitada e tamén por non ter cacharro para achicar. (Lembrade: ó mar hai que saír sempre preparado.)

Varias dornas (Tixosa, Jolfiña, Sandra, Volandeira) optaron polo rumbo ás Airoas para despois intentar chegar por terra á boia, mentres que outras (Áncora, Ardentía) viraron antes cara a Illa dos Ratos, manobra que resultou se-la boa, entrando na meta primeiro a Áncora, a Ardentía, a Vikinga e a Jolfiña. Despois de traballar moi, moi, moi duramente tivemos que parar a achica-la dorna. Chegamos á meta detrás da Tixosa e sorprendentemente antes ca Sandra (que quedara sóa na desventada por fóra de Rúa para logo loitar coma as demais para chegar a terra ante a ventada.)

Máis novas en Masmar, A Voz e Vieiros.

02/03/2006

Regatas: 3ª Proba de Inverno 2006














Adelino e Agustín no verán de 2004. Daquela abordo da Ila.

Est
a regata tiña toda a pinta de ser chuliña -- de feito foina -- dependendo do punto de vista, claro. En hora boa ós da Áncora que navegaron moi ben nas últimas ceñidas. Estes se collen cancha son moi perigosos. Foi moi interesante porque Adelino e Agustín non navegaron nada ben na empopada. De feito collémolos a Jolfa e maila Adoa despois de levaren unha gran vantaxe. Algo terían mal que logo corrixiron na virada do Sinal do Maño porque desde aí para terra velearon moi ben inda que non lle vin unha velocidade espectacular. (¡Debeu ser que dende popa e dende tan lonxe non se apreciaba o que corrían!)

Victor e Brux en Rúa no Inverno do 2004.

Quen correu como o demo foi a Volandeira, da man de Victor e Brux. Anduveron moito e tanto que a nós deixáronnos literalmente abraiados no Camouco. Vaites maneira de ceñir e andar. Unha forte en hora boa tamén á Sandra que despois de quedar tirada no Lajareu -- segundo me contou o patrón e verificou Jesús da Moura -- fixo barro de toda flota, colléndonos a nós tamén -- cousa que lle era importante para asegurar cada vez máis o primeiro posto no Campionato. Foiche unha pena que non lle dou tempo a coller á Áncora nin a Volandeira. (Penso que nas condicións rachadas non collería á Volandeira; non do xeito que Victor a levaba.) Tamén lle vin un pouco de debilidade á Sandra nun certo momento, ¡pero iso non volo digo porque igual me fai falla a min o domingo que ven!

Polo demais como sempre...a organización, quero dicir, porque Jaime protestou polas instruccións de saída cando non entendeu que as marcas eran as boias vermellas pequenas XA QUE AS NOSAS BOIAS GRANDES E DE REJLAMENTO QUEDARON ESQUECIDAS NO JALPÓN.

Ah, xa me esquecía, Charly probou a vela de Adelino -- a pequena e tradicional. A min doume como que non lle gustou moito pero indo só abordo parece ser que aguantou ben as rachas. Só, coa a vela normal, estou seguro que non aguantaría; e dicir, visto lo visto na nosa dorna cun compañeiro lastroso como teño eu. De todas formas un saudiño a Charly por saír só cando lle fallou o compañeiro, cousa que tamén fixera José o de Palmeira nunha das outras regatas de inverno. Todo ten o seu mérito e todo apoia ó noso club.

E falando de velas de menos dimensións teño que dicir que me da certa pena a Papoula porque penso que Carlos e Jorge están regateando como os mellores. Fóra coñas. Gústame moito a súa estratexia e vénse moi compaxinados. Nas ceñidas son perigosos, senón pregúntanos a nós. Non teñen motor e nótaselle moito nas empopadas largas.

Voume que me van chamar sicofanta.

Máis noticias da regata na Voz, en Vieiros e no Masmar.