28/06/2005

Regatas: A Raíña Delas

volta á illa 006

O sábado 25 de xullo foi o gran acontecemento na Illa. Nin máis nin menos que 42?non se aprecian nas fotos?42 dornas a vela saíndo do Bao. ¿Onde está a TVGA cando fai falla? Isto, señores, non se ve todos os días. Por certo, todas elas, jarbosas, saíndo por un furadiño moi estreito e emocionante na liña de saída. Nós, na Jolfiña, saímos sen moitos rabuños, inda que xa mirándolle a popa ós veloces de sempre: á Pereka, á Cariñosa, á Liviana, á Nécora....Vaites como voan. Pero entre elas as grandiosas Xarda e Zoa de Lajareu que estiveron loitando polos primeiros postos durante toda a travesía. A Zoa fixo un galante segundo que non é ningunha coña nunha regata tan difícil como é a Volta; a Xarda fixo un moi respectable octavo posto. E por que non dicilo: a Sandra fixo un décimo. (Nós quedamos á porta ca Jolfa que non tivo moitas gañas de galopar en ceñida, pero inda así fixo un moi bo undécimo posto.)

Por que non tamén aproveitar para darlle un forte abrazo ós da Josefa que nos levaron polo camiño da amargura desde que saímos xuntos ata que chegamos. (Iso despois de facer bordos opostos durante toda a travesía.) O mellor foi a cervexa que tomamos xuntos despois de rematar a proba.

volta á illa 007


Noraboa á A.C. Dorna. Moi boa organización. Unhas pitadas de saída perfectas e moitas embarcacións de seguridade durante todo o percorrido.

Proxectos: A "Xaimiña"

jaime 2 239

Non. Non é unha cadeira desas raras das que se ven no Museo da Arte Moderna de Neu Ior. É, nin máis nin menos, ca "Xaimiña" en camiño a ser unha dorna estrela. Agora que Jaime García Leira atopou o segredo das táboas que non rompen a viralas --leva xa non sei cantas ducias escachadas-- todo vai con vento en popa a toda vela. Noraboa por un proxecto de recuperación do que teremos moito que falar. Agora ben, ós prezos actuais da madeira de pino correúdo e da cervexa, por iso de calmar os nervios, esta vai ser unha verdadeira obra de amor ó arte.

jaime 2 238

24/06/2005

Técnica: Gañar a Terceira Regata de Primavera

O principal para gañar unha regata é dotarse dunhas gafas de sol con filtro UV e ampla panorámica (estilo Formiga Atómica), saír nos postos de diante, poñer cara de velocidade, e sobre todo ter moita chorra.

O Patrón da Jolfiña

Se non o creen vexan o patrón da Jolfiña cando era un pouco máis novo. Por aquel entonces faltoulle o último dos puntos para gañar a regata, pero non así na terceira proba do campionato de primavera.

Pero por favor, non crean que todo é chorra, tamén hai algo de autobombo; vexan as crónicas da regata nos medios habituais: Vieiros, Radio das Rías, Masmar e La Voz de Galicia

22/06/2005

Técnica: A "Papoula"

Papoula e Lusiña en Rua

Un bo proel ten que ser como Jorge Ramos da "Papoula". Con ou sen mal tempo ten que seguir sempre as ordes do seu patrón. Aquí en posición homus erectus na empopada. ¿Incorrecto, dicides algúns? Pois non. Carlos Otero, patrón nado na Arzúa, non che anda con contos.

"Ti como as cobras na India, Jorgiño," estalle dicindo Carlos, "non lles quites ollo os da Lusiña ata que queden ben alucinados e ben por popa nosa."

Aquel Motor

IMAG1774

O noso Presi co seu gardacostas en tempos felices cando inda tiñamos motor: aquel Yamaha de 25 cabalos a catro tempos que algúns fillos de mala nai nos roubaron o 15 de xuño. ¡Mala rabia os leve a todos! Agora a esperar ata ver cando lle volve o sorriso a Bijotiños.

02/06/2005

Atracción Fatal

A pobre dorna Adoa, e/ou seu patrón Jaime ten que ir ó corpiño para ver se curan dun mal de ollo que alguén lles botou. Nas dúas últimas regatas de primavera viñéronselle enriba unha chea de dornas cando chegaron á marca para virar.

E pase a primeira vez; que non pasa porque o pobre de Jaime foi en toda a empopada case dende a saída ata o Sinal do Maño avisando a todo o persoal para que respectara as preferencias de paso. Pero na regata do domingo, xa non ten perdón. Porque ademais de ir avisando como na regata precedente, desta tiveramos cursiños teóricos, se fixeran circular os regulamentos de navegación a vela, e inclusive poñerase unha ligazón nesta páxina web ós devanditos regulamentos.

Pero non crean que lles minto. Temos as testemuñas gráficas que dan boa proba do dito:

Maño 1

Maño 2

Maño 3

E unha pena. Síntoo por riba de todo polo pobre Luis (o proeiro da Adoa). El é un rapaz dos máis novos neste mundiño das dornas, pero tamén un dos máis competentes; e di que polo de agora non se vai lear a mallar ca vara de portar na cachola dos que lles aborden, anque di que, para a súa mellor protección, que ademais do chaleco que leven na cadeira un casco.

Como sempre poderán ler sobre isto e outras cousas acontecidas na regata nos medios que están a cubrir habitualmente estes eventos: La Voz de Galicia, Masmar, Radio das Rías e Vieiros.